500 traballadores/as e extraballadores/as protestan na sede de Endesa en defensa dos seus dereitos
Arredor de 500 persoas vinculadas a Endesa, maioritariamente clases pasivas e procedentes das Pontes, concentráronse este mércores diante da sede territorial da empresa na Coruña para defender o convenio colectivo e o mantemento dos beneficios sociais que até agora tiñan recoñecidos. A protesta desenvolveuse coincidindo co xuízo que se celebraba na Audiencia nacional en Madrid a raíz da demanda de conflito colectivo interposto contra a decisión de Endesa de "roubarnos os nosos dereitos".
Diante das oficinas de Endesa, Fermín Paz Lamigueiro, ex traballador da central térmica das Pontes e que foi membro da Executiva Confederal da CIG, chamaba a todo o persoal, activo e pasivo, a "empurrar xuntos/as para evitar que nos rouben os nosos dereitos" e a intensificar as mobilizacións para reverter a supresión dos beneficios sociais que quere impor a empresa valéndose da limitación da ultravixencia dos convenios establecida na reforma laboral de 2012.
Cómpre lembrar que logo dun ano de negociacións infrutuosas, a finais de decembro Endesa deu por decaído o convenio, deixando sen marco regulador de referencia os seus empregados e empregadas e aproveitando esta circunstancia para comunicar a supresión (a partir de xullo deste ano) dos beneficios sociais e económicos (entre eles a bonificación da tarifa eléctrica) que tiñan recoñecidas as clases pasivas (prexubilados/as, xubilados/as, viúvas e orfos/as). Un colectivo que suma máis de 27.000 persoas en todo o estado.
"Queremos unha solución negociada que nos dea garantías de futuro, non podemos permitirnos estar nesta situación de conflito cada poucos anos". Paz Lamigueiro advertiu que a orixe deste conflito haina que buscar no proceso de privatización de Endesa, que actualmente pertence á empresa pública italiana Enel e "á estratexia desta de repatriar os máximos dividendos posíbeis ".
"O paradoxal é que unha empresa que era pública española agora pertence ao Estado italiano e a riqueza que se produce aquí se repatría a Italia". Neste estratexia, un dos obxectivos da multinacional (que condicionou toda a negociación do novo convenio) "foi roubarnos o dereito que temos sobre a enerxía eléctrica". A este respecto subliñou que as reservas estimadas que Endesa ten que facer para esta partida están nos 700 millóns de euros "que Enel quere roubarnos para repartilos entre os accionistas".
Xuízo na Audiencia polo conflito colectivo
Megáfono en man, Paz Lamigueiro ía informando aos seus compañeiros e compañeiras do que acontecía na Audiencia en Madrid. Criticou con dureza a actitude da empresa, pois ante a chamada da xuíza a negociar entre as partes, Endesa "limitouse a propoñer atrasar un mes a suspensión dos beneficios". Polo que, ante a falta de vontade negociadora da empresa, celebrouse o xuízo.
Nos próximos días convocarase asemblea de persoal para avaliar o xuízo, os cambios que se van producir na dirección da empresa e acordar un novo calendario de mobilizacións.
Historia dun saqueo
Neste conflito non cómpre perder de vista que Endesa foi unha empresa estatal, privatizada polos sucesivos gobernos do PSOE e do PP para, finalmente, volver ser unha empresa pública, pero en mans da eléctrica estatal italiana, Enel, que posúe o 70% do accionariado. Aínda que comercialmente siga mantendo a marca Endesa, a propiedade maioritaria é de Enel España.
Para branquear a toma do goberno italiano dunha empresa do sector eléctrico do Estado español, na OPA tamén participou a empresa Acciona de Entrecanales; a presenza de Acciona en Endesa apenas durou ano e medio e, como pago da súa colaboración, fíxose coa división de xeración renovábel de Endesa. Unha vez asentada Enel en Endesa, segregou os activos de Endesa en Latinoamérica, que pasaron a ser de Enel en exclusividade.
Estas dúas actuacións deberían espertar o interese político sobre como se descapitaliza unha empresa que no seu día foi estatal, pero non se coñece ningunha reacción dos Gobernos do Estado e por iso, Enel continuou o seu particular saqueo de Endesa. Como maior accionista impuxo unha xenerosísima política de dividendos, obrigando a que todos os beneficios de Endesa pasen directamente a dividendos que, a súa vez, son cobrados por Enel. Isto obriga a Endesa a endebedarse para os novos investimentos.
Como continuidade da súa política de baleirado, Enel quere entrar agora nos compromisos que Endesa ten co seu cadro de persoal, particularmente co persoal pasivo e que, por obriga das auditorías, debe provisionar no seu balance económico.