Arredor de 2000 escolares participan en Pontevedra na primeira etapa do Correlingua 2016
Dende a organización do Correlingua explican que os participantes foron recibidos/as coa actuación dos músicos/as e xigantes, “que co seu 'dragón bota auga' déronlles unha benvida maxistral”. A continuación o grupo Talia Teatro saudou os máis de 20 centros que tomaron parte na iniciativa, dando paso á saída da marcha. O alumnado do IES Martín Sarmiento foi o encargado de ler o manifesto gañador, mentres que o grupo de rock Liviao do Marrao fixo bailar coas súas cancións a todos/as os asistentes.
Xa para rematar, María Rodríguez, da CIG-Ensino de Pontevedra, a representante da ASPG Andrea Martíns, o concelleiro de Normalización Lingüística de Pontevedra, Aberto Oubiña, e o deputado provincial de Cultura, Xosé Leal, entregaron a cada un dos centros participantes un lote de libros cedidos polas editoriais Kalandraka e OQO e polas librarías pontevedresas Seijas, Paz, Escolma, D´lectum, Nóbel e El Pueblo. Ademais, recibiron un diploma pola súa participación no evento.
Durante o acto tamén se repartiu un globo xigante a cada centro como símbolo da lingua, algo que se repetirá durante esta edición do Correlingua, actividade que move arredor de 40.000 nenos/as en todo o país. A continuación soltáronse os globos “para que leven voando o noso idioma polo país adiante”. Xunto aos globos van os nomes dos centros e unha nota, para quen a encontre poida comunicarlle ao centro correspondente onde foi atopado.
A seguinte parada do Correlingua -carreira polo idioma organizada pola CIG-Ensino, a Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG) e a Mesa pola Normalización Lingüística, e conta coa colaboración dos Concellos de Pontevedra, Vigo, A Coruña, Lugo, Santiago de Compostela e Ourense, e das Deputacións da Coruá, Lugo e Pontevedra- será na cidade da Coruña este martes día 3.