Arranca a folga de mulleres marcada polos abusivos servizos mínimos e o brutal boicot institucional
As primeiras horas da folga de mulleres deste 8 de Marzo están marcadas polos abusivos servizos mínimos decretados en sectores como a sanidade ou os coidados, que exceden con moito a actividade que, mesmo nesta situación de pandemia, se establecen para un domingo ou un festivo, máis tamén pola combatividade do feminismo de clase. Piquetes da CIG percorreron de madrugada o polígono das Gándaras no Porriño, con paradas en Alonarti Envases e no Centro Industrial de Pescanova, compañía na que a central sindical denunciou un caso de abuso sexual a unha empregada.
Compañeiras en servizos mínimos trasladando apoio á folga
Pero ademais, ás circunstancias extraordinarias derivadas da situación sanitaria, a folga deste 8 de Marzo vén precedida dunha brutal campaña institucional -lanzada inicialmente pola dereita e á que se sumou sen escrúpulos o PSOE- de criminalización, boicot e acoso á loita feminista. Na que se pretende utilizar a situación sanitaria como coartada para xustificar este ataque cando, se algo evidenciou a pandemia, "é que as mulleres seguimos condenadas polo sistema a sufrirmos as máximas consecuencias da crise".
Para a secretaria confederal de Mulleres, Margarida Corral, esta actuación resulta intolerábel e vén demostrar a hipocrisía das institucións na conmemoración do 8M. Subliña que “os nosos dereitos non poden ficar confinados e urxe, agora, máis que nunca, saír á rúa para exixir medidas reais contra a precarización das condicións de vida das mulleres e visibilizar e frear o detrimento das nosas condicións laborais, de saúde, económicas e sociais derivadas desta crise”.
Por iso, reitera o chamado ás mulleres a participar tanto na folga como nas mobilizacións convocadas pola CIG e por Galegas8M para dar a resposta que merecen estes ataques.