Aprobada a iniciativa trasladada pola CIG-Saúde ao Congreso para que se recoñeza a xubilación aos 60 anos ao persoal da sanidade

Presentouna o BNG na Comisión de Sanidade e incorporáronse emendas de Sumar e PSOE
Nacional - 02 Dec 2024

A Comisión de Sanidade do Congreso das e dos Deputados vén de aprobar a iniciativa trasladada pola CIG-Saúde e presentada polo BNG para que se recoñeza a xubilación aos 60 anos ao persoal da sanidade. Á iniciativa incorporáronse as emendas presentadas por Sumar e o PSOE.

Texto definitivo

O Congreso dos Deputados insta o Goberno a:

  1. Conforme á lexislación vixente en materia de Seguridade Social, acabar coa discriminación de xénero que afecta ao persoal da sanidade.
  2. Regular mediante Real Decreto a xubilación, no ano 2025, para as traballadoras e traballadores da sanidade, maiores de 60 anos e con longas vidas laborais, de máis de 40 anos de prestación de servizo.
  3. Durante o ano 2025, no ámbito de negociación do Foro para o Diálogo Social, da Lei 55/2003, do 16 de decembro, do Estatuto Marco do Persoal Estatutario dos Servizos de Saúde, negociar os coeficientes redutores para a xubilación voluntaria do persoal da sanidade, cando a traballadora ou traballador cumpra os 60 anos.
  4. Na mesma liña, priorizar a negociación dos coeficientes redutores para a xubilación voluntaria de determinadas profesións feminizadas que desenvolven o seu traballo en condicións de precariedade e penosidade.

CIG-Saúde defende que, tal e como recolle a lei, cando o procedemento de redución da idade de xubilación afecte o persoal das administracións públicas, a iniciativa corresponderá conxuntamente ás organizacións sindicais máis representativas e á administración da que dependa o colectivo.

É por iso que leva desde o inicio da negociación do novo Estatuto Marco instando ao Ministerio de Sanidade á negociación do dereito á xubilación anticipada aos 60 anos para o persoal da sanidade pública.

A CIG-Saúde agarda que, tras da aprobación desta iniciativa no Congreso, se retome a negociación do Estatuto Marco e se negocie nese ámbito as condicións de xubilación do persoal da sanidade pública.

Asegura, ademais, que manterá en todos os ámbitos de negociación a exixencia da xubilación aos 60 anos para o Persoal da Sanidade, xa que é de dereito.