Anuncian mobilizacións por un convenio digno na sanidade privada da provincia da Coruña

Salario digno, xornada xusta e “non á perda de dereitos”, son as principais demandas
Compostela - 11 Set 2023

CIG, CCOO e UGT iniciarán mobilizacións pola negociación dun convenio xusto na sanidade privada da provincia da Coruña. Demandan para o persoal deste sector salario digno e unha xornada xusta e rexeitan a perda de dereitos. Por iso anuncian unha campaña de mobilizacións que se desenvolverán diante dos principais centros hospitalarios.

Mobilizacións
  • 20 de setembro: Quirón de A Coruña
  • 27 de setembro: A Rosaleda e posible saída en manifestación até H. A Esperanza de Santiago de Compostela.
  • 4 de outubro: Juan Cardona de Ferrol
  • 11 de Outubro: HM Modelo de A Coruña

Segundo explican, en decembro de 2022 comezou a negociarse o novo convenio e a CIG, UGT e CCOO presentaron, de xeito conxunto, unha proposta na que se contemplaban, entre outras cuestións, reducir o número de horas de xornada anual; actualizar as táboas salariais e remunerar os domingos traballados.

Porén, denuncian que a resposta da patronal foi poñer enriba da mesa a perda de dereitos nos trienios e a perda de salario que perciben as traballadoras e traballadores cando están de baixa.

Sector moi feminizado

Segundo explica o representante da sanidade privada da CIG-Saúde, Miguel Tizón, “estamos falando dun sector moi feminizado, tal e como ocorre, en xeral, no sector de coidados”. Por iso considera que as mulleres son as máis prexudicadas porque son as que, na súa maioría, ocupan postos de auxiliares, persoal de limpeza, enfermería ou todo o persoal das clínicas dentais, por exemplo.

Neste sentido subliña que nin sequera está actualizado o convenio, de forma que seguen figurando moitos dos salarios con cantidades inferiores ao SMI, malia o último incremento que se lle aplicou. “O que transmiten as compañeiras é que todos os convenios se foron actualizando, pero que vén como o seu se está quedando atrás, unha vez máis”.

A consecuencia de manter estes baixos salarios provoca que a propia patronal do sector teña dificultades non só para atopar, senón mesmo para afianzar profesionais na sanidade privada.

As consecuencias para as persoas usuarias

Tizón explica que na sanidade privada hai dous tipos de usuarios e usuarias, quen veñen derivados dos concertos que a sanidade pública ten con eses centros e quen por decisión propia contrata seguros privados ou fan un pago directo para recibir asistencia.

“Se as e os profesionais que teñen que garantir este servizo non teñen unha remuneración e condicións de traballo dignas, dificilmente esas empresas poden garantir unha atención axeitada que se corresponda co que están pagando”.

Principais demandas

Os propietarios da sanidade privada da provincia da Coruña limítanse, segundo o representante da CIG, a subir até o mínimo legal o salario. Porén, a cambio “queren quitarnos o que cobramos por antigüidade ou que deixemos de cobrar o 100% en caso de baixa médica”, denuncia.

Diante desta situación as organizacións sindicais demandan un incremento salarial acorde ao custo da vida; que se reduza a xornada anual, xa que dentro do sector sanitario son quen máis horas anuais de traballo teñen, “máis que na provincia de Pontevedra, máis que no Hospital POVISA ou unhas 200 horas máis que no SERGAS”; a actualización dos permisos e o cobro dos festivos traballados.