Amplo seguimento na segunda xornada de folga no siderometal ourensán para reclamar un convenio digno
Ao igual que na primeira xornada de folga, nesta ocasión un numeroso piquete integrado por máis dun cento de traballadores/as concentrouse ás 6.00 horas ás portas da casa sindical para iniciar o seu percorrido polos polígonos industriais.
A primeira parada foi o de Pereiro de Aguiar, onde moitas empresas están sen actividade. A continuación, e sempre seguidos por un importante dispositivo da Garda Civil, os piquetes trasladáronse ao Parque Tecnolóxico, onde moitos/as non puideron acceder xa que llelo impediu a seguridade privada.
Dende o inicio da folga están a constatar un seguimento máis amplo no sector da automoción (con concesionarios como Rocal ou Rodríguez López pechados), mentres que noutros a incidencia do paro está a ser máis desigual. Con todo, moitos traballadores/as que nun principio se dirixen ao seu posto de traballo optan finalmente por sumarse ao piquete.
Do mesmo xeito que no primeiro día de paro, tanto os sindicatos CCOO e UGT como a patronal están exercer presión sobre os operarios/as para intentar boicotear a xornada de mobilización convocada pola CIG-Industria co obxectivo de reclamar un convenio colectivo digno e rexeitar a pretensión dos empresarios/as de estender a xornada laboral á fin de semana.
Tamén ao igual que na primeira xornada, ao mediodía tivo lugar unha concorrida manifestación que partiu da casa sindical ás 12.30 horas e pasou pola sede da Confederación de Empresarios de Ourense, que estivo custodiada por un amplo dispositivo policial.
Nova convocatoria de folga
Ante o éxito destas dúas xornadas de folga no sector, dende a CIG-Industria non descartan a convocatoria dun novo día de paro, tal e como asegurou o secretario comarcal da federación, Indalecio Gómez, durante a asemblea previa ao inicio da manifestación até a sede da CEO.
Ademais, o responsábel sindical adiantou que a central vaise poñer en contacto coa patronal para solicitarlle a convocatoria da comisión negociadora do convenio co obxectivo de que se retire a proposta de estender a xornada laboral ás fins de semana. Nesta liña, tamén se dirixirán a CCOO e UGT para que cambien de postura e se sumen ás mobilizacións.
Finalmente, dende a CIG amosan a súa satisfacción polo seguimento que está a ter esta nova xornada de folga, especialmente no sector da automoción, coas principais empresas -como Gestamp- case sen actividade. Nesta compañía a quenda de noite secundou a folga ao 100% no departamento de pintura e granalla, mentres que no resto da fábrica o seguimento foi menor. Na quenda de mañá o seguimento foi practicamente total en toda a empresa.
A xornada desenvólvese dende primeira hora baixo un forte dispositivo da Garda Civil a pesar de que non se rexistran incidentes. A única nota discordante produciuse no concesionario Garza, da Mercedes, onde se prohibiu a entrada dos piquetes a informar aos traballadores/as dos motivos da folga. Finalmente, e tras uns minutos de negociación coa presenza de numerosos axentes do corpo militar, dúas persoas puideron acceder ao interior das instalacións para falar cos empregados/as.