
Amplo seguimento na primeira xornada de folga nas residencias privadas en demanda dun convenio digno
A primeira xornada de folga nas residencias privadas de maiores e centros de día está rexistrando un amplo seguimento a pesar dos abusivos servizos mínimos impostos pola Xunta de Galiza. Ante a imposibilidade de efectivizar o seu dereito á folga, as traballadoras aproveitaron os tempos de descanso para amosar o seu apoio ao paro e reivindicar un convenio digno con pequenas concentracións ás portas das residencias.

Estas protestas espontáneas súmanse ás concentracións e manifestacións convocadas pola CIG nas sete cidades e vilas como Noia, Ribadumia, Ribeira, Vilaboa ou Carballo para visibilizar a loita por unhas condicións laborais e salariais dignas, unha atención de calidade para as persoas usuarias e para reclamar tamén a mediación da Consellaría de Política Social.
Abandono da Xunta de Galiza
Sobre o papel da Xunta de Galiza neste conflito, o secretario de Negociación Colectiva da CIG-Servizos, Adolfo Naya, denunciaba o abandono absoluto do sector por parte de Política Social, evidenciado no propio feito de que até a véspera da folga non chamou o sindicato a negociar os servizos mínimos. Un servizos mínimos, criticou, que saíron publicados aínda hoxe no DOG e que son totalmente abusivos.
Naya lamentou que a administración non só ignore as demandas das traballadoras, senón que a única intervención que ten “é para vulnerar o dereito fundamental de folga estabelecendo uns servizos mínimos do 100%”. Até o punto de que nas residencias e centros de día que están ao límite das ratios, “hoxe hai máis persoal traballando que nunha xornada ordinaria porque lles obrigan a cumprir coas ratios”.

Neste contexto, subliñou que, nos centros nos que os cadros de persoal non están tan axustados, a folga ten un amplo seguimento, dándose situacións pouco habituais como directoras servindo os almorzos. “A valoración desta xornada é moi positiva, as traballadoras que poden están participando da folga e aquelas que non poden están saíndo ás portas dos centros a protestar”, salientou.
Negociación paralizada
A respecto da negociación do convenio, explica que a mesa leva sen reunirse dende o mes de outubro, despois de que as asembleas de traballadoras rexeitaran por amplísima maioría a última proposta patronal, xa que supuña manter os soldos por debaixo do SMI até 2027 e non contemplaba ningún avance na redución da xornada anual, nin melloras na compensación dos festivos ou na cobertura das baixas.

Dende entón, e pesar das numerosas mobilizacións do persoal, as negociacións están paralizadas e a Xunta de Galiza tampouco atendeu a solicitude de reunión trasladada pola CIG en setembro pasado. Diante disto, as traballadoras decidiron dar un paso adiante e ir á convocatoria de folga os días 10 e 22 de abril e 7 e 21 de maio. Ademais, o sábado 26 de abril, está convocada unha gran manifestación en Compostela, con saída ás 11:00h da Alameda.
“Non pode ser que nun servizo esencial como as residencias de persoas maiores e centros de día, as táboas salariais estean por debaixo do SMI. Nas categorías máis baixas a diferenza chega case aos 150€ e categorías como xerocultora quedan 40€ por debaixo”, denunciou Naya.
Na práctica, para estas traballadoras as subas do Salario Mínimo Interprofesional significan que se lles están absorbendo outros conceptos retributivos e complementos como a antigüidade, o pago de festivos, etc. “Toda a experiencia profesional acumulada, que se debería reflectir no cobro da antigüidade, na realidade é absorbida e dá o mesmo que leves un mes traballando que 20 anos”, rexeitou.
Sobrecarga de traballo

Ás precarias condicións do convenio colectivo súmase a excesiva carga de traballo que ten que realizar o persoal a causa dunhas ratios obsoletas que están sen actualizar dende 1996. A este respecto, son reiteradas as denuncias das traballadoras pola falta de tempo suficiente para ofrecer coidados de calidade ás persoas usuarias. “Temos o tempo taxado para erguer, vestir, asear, dar de comer, etc. Traballamos con persoas, pero parece que estamos nunha cadea de montaxe”, alertaron.
Unha situación agravada tras a decisión da Xunta de Galiza de ingresar nas residencias de maiores persoas con doenzas psiquiátricas, cando estes centros non están adecuados ás súas necesidade, nin o persoal ten a formación para poder atendelas debidamente.
“A Xunta ten que ver a realidade das residencias, tomar en serio as demandas das traballadoras e implicarse tanto na negociación colectiva como na dignificación das condicións laborais e salariais”, reiterou o responsábel de Negociación Colectiva da CIG-Servizos.

Criticou a política de mercantilización dos coidados do Goberno do PP, que deriva nun deterioro da calidade asistencial e afonda na explotación laboral, mentres as grandes empresas e fondos de investimentos seguen a engrosar os seus beneficios.
Contra das escusas da conselleira de que se trata dun conflito entre traballadoras e empresas, Naya puxo o acento en que boa parte do negocio do sector está nas prazas concertadas e na xestión de centros que son de titularidade pública. “A Xunta non pode lavar as mans nin seguir pasando das traballadoras e das persoas usuarias”, concluíu.