Amplo seguimento da folga polo ERE no CTAG paraliza a actividade na planta do Porriño
O amplo seguimento da folga convocada hoxe pola CIG para rexeitar o ERE no Centro Tecnolóxico da Automoción de Galiza (CTAG) deixou practicamente sen actividade as instalacións do Porriño. Coincidindo co paro de 24 horas, unha manifestación percorreu a distancia entre os dous centros de traballo da empresa no polígono da Granxa ás 11:00 horas.
Dende a representación da CIG no CTAG agardan que a dirección “tome nota” da resposta do persoal e acceda a retirar o ERE e se presente na próxima xuntanza da comisión negociadora, prevista para este luns día 10, con “propostas reais” para que o ERTE garanta o poder adquisitivo e inclúa medidas de protección e de conciliación para as persoas traballadoras”.
Neste senso, consideran “totalmente inxustificada” a pretensión da empresa de despedir a 150 persoas “e que o resto sufra suspensións de contrato e gaste o seu paro para tapar a súa incompetencia e a súa falta de organización, xa que non fomos as persoas traballadoras as que tomamos malas decisións nin as que xestionamos mal”. Por iso rexeitan que sexa agora o cadro de persoal o que pague as consecuencias, “co xa manido discurso de arrimar o ombreiro, de remar xuntos para levantar isto”.
E critican que a empresa insista en presentar os mesmos informes cos mesmos datos para xustificar ao mesmo tempo que un ERE “salva” a empresa e que un ERTE “salva” a empresa, “algo incoherente e falto de rigor”. Por iso esixen a retirada do ERE e a negociación dun ERTE con garantías de mantemento do emprego “e de que non se vai a repetir nin alongar no tempo como unha medida máis de flexibilidade empresarial”.
Ademais, a empresa alude constantemente a atrasos nos proxectos, pausas e desaceleracións, “cando non hai nada cancelado nin presentan xustificación algunha e sabemos que aquí hai traballo e que precisamos todas as mans e todas as cabezas para sacalo adiante”. Polo que reiteran e necesidade de retirar o ERE e de negociar un ERTE con garantías sociais e nas que o persoal perciba o 100% do salario.