A CIG-Saúde de Vigo alerta de que a Xerencia da área sanitaria segue a contratar persoal médico sen a especialidade de Medicina Familiar e Comunitaria para prestar atención urxente nos Puntos de Atención Continuada (PAC). A central sindical insiste na necesidade de que se doten os centros de profesionais coa formación necesaria e reclama información sobre as función que este persoal está a desenvolver no sistema sanitario público galego.
O sindicato xa denunciara no mes de xullo esta irregularidade, demandando da Xerencia garantías sobre a formación do persoal médico contratado nos PAC da área sanitaria viguesa. Do mesmo xeito, hai dúas semanas solicitou explicacións das funcións desenvolvidas polo persoal médico sen especialidade nestes centros, así como información sobre as contratacións realizadas e que se identificasen os PAC nos que están a ser contratados e a base xurídica pola que se habilita a estes profesionais a realizar labores asistenciais.
Esta cuestión transcende o ámbito laboral ou das contratacións, xa que o que está en xogo é a garantía de que as persoas que acoden a un PAC
Mais a día de hoxe non se obtivo resposta por parte dunha Xerencia que, lonxe de desistir nesta práctica irregular, mantivo e mesmo aumentou a frecuencia na contratación de persoal medico sen MIR. “Esta cuestión transcende o ámbito laboral ou das contratacións, xa que o que está en xogo é a garantía de que as persoas que acoden a un PAC, especialmente ante unha situación urxente, sexan atendidas por profesionais que dispoñan da formación e cualificación necesarias para desenvolver as funcións que teñen asignadas”.
Neste senso, dende a CIG lembran que a atención urxente require formación específica, sendo a categoría de médica con especialidade de Medicina Familiar e Comunitaria a titulación exixida para prestar servizos nestes dispositivos. Estas profesionais requiren acceder a formación sanitaria especializada durante catro anos para obter a especialidade. Durante este período o persoal médico adquire progresivamente competencias asistenciais baixo supervisión e reciben formación en múltiples áreas da atención sanitaria, incluída a atención ás situacións urxentes. “Por iso, consideramos que non se pode equiparar automaticamente a formación universitaria en medicina coa formación especializada que se adquire durante os catro anos de residencia en Medicina Familiar e Comunitaria”.
Perda de calidade asistencial
Xa que este uso pode incorrer en intrusismo profesional e afectar a calidade asistencial prestada. A CIG-Saúde responsabiliza desta decisión a Administración, que asigna funcións asistenciais a profesionais que non dispoñen da especialidade específica requirida para o posto, desvalorizando, deste xeito, a especialidade de Medicina Familiar e Comunitaria. “Porén, o papel que poden cumprir estes profesionais que carecen de formación sanitaria especifica pode ser importante en labores de desburocratización na Atención Primaria descargando parte da carga de traballo non asistencial que se xera nos centros de saúde”.
Finalmente, a central sindical reclama da Xerencia a contratación de persoal coa titulación exixida e denuncia a falta de transparencia e ocultación da información solicitada”.