Alertan da falta de persoal sanitario na residencia de maiores de Taboadela
O sector de Autonómica da CIG-Administración alerta da falta de persoal sanitario no centro de atención a persoas maiores de Taboadela, en Ourense. Dende a central denuncian que a escaseza de enfermeiras/os na sanidade pública deixa as residencia sen profesionais, trasladando a responsabilidade “ás xa sobrecargadas Tecae”.
Segundo explican dende a CIG-Autonómica, o CAPM de Taboadela non conta a día de hoxe con persoal de enfermaría. “É lamentábel que a pesar da elevada incidencia que que o coronavirus ten neste colectivo a Consellaría de Política Social e o Consorcio Galego de Igualdade e Benestar non doten o centro de persoal sanitario”.
Neste senso, censuran que a Administración traslade esta responsabilidade ás Técnicas/os en Coidados Auxiliares de Enfermaría (Tecae), “un colectivo que se atopa sobrecargado de traballo”. Diante disto, dende a central reclaman que se dote este centro de persoal de enfermaría para facer fronte á pandemia da Covid-19.