Advirten da falta de cobertura asistencial no Deza, coa ambulancia de soporte vital sen persoal médico
A CIG-Saúde Compostela denuncia a situación sanitaria da comarca do Deza, no referente á necesaria nova ambulancia e á falta de equipos completos (médico/a+enfermeiro/a) a partir das 22:00 horas no PAC de Lalín, que atende as urxencias de toda a comarca.
No referente á ambulancia, lembran que o conselleiro fixo pública a súa intención de estender ao rural o modelo de cobertura sanitaria que actualmente existe nas áreas urbanas; é dicir, contar cunha ambulancia de soporte vital cun técnico/a de emerxencia e un enfermeiro/a, mais iso si, sen médico/a. O problema dáse cando o doente empeora, o que implica administración de fármacos, responsabilidade do médico/a, agravándose nos desprazamentos que poden chegar a superar a hora. Ambulancia que só estará operativa até as 22:00 horas.
Unha decisión unilateral da Xerencia da área sanitaria de Santiago, que a día de hoxe non informou ao órgano de representación dos traballadores/as e que supón unha infracción grave. E por outra banda, implica unha discriminación desfavorable que está a danar a unha poboación moi desfavorecida, como é a comarca do Deza, por razóns de dispersión, avellentamento, etc. Xa que como sabemos, esta comarca conta cunha superficie de 1027,7 quilómetros cadrados, formada polos concellos de Lalín, Silleda, Vila de Cruces, Agolada, Rodeiro e Dozón, e ten unha poboación que supera os 42.000 habitantes, distribuídos en 113 parroquias e 415 lugares.
A CIG-Saúde leva tempo mobilizándose e reclamando os equipos completos (médica/o+ enfermeira/o) que o persoal do PAC de Lalín leva esixindo para dar unha asistencia sanitaria ao momento e de calidade, xa que a partir das 22:00 horas, ao contar cunha presenza menos de enfermería, dificúltase enormemente a atención sanitaria, tanto nas saídas urxentes aos domicilios como na atención no propio centro, ao quedar sempre un médico/a sen apoio necesario e imprescindible para atender e manexar o doente en casos graves.
Vulneración de dereitos
Este xeito de proceder da Xerencia vulnera os dereitos da poboación da comarca do Deza, xa que a Lei recolle que a carteira común básica de servizos asistenciais do sistema de saúde comprende todas as actividades asistenciais de prevención, diagnóstico, tratamento e rehabilitación que se realicen nos centros sanitarios, así como o transporte sanitario urxente. A prestación deste servizo farase de forma que garanta a continuidade asistencial, baixo un enfoque multidisciplinar, centrado no paciente, garantindo a máxima calidade e seguridade na súa prestación, así como as condicións de accesibilidade e equidade para toda poboación.
Pois ben, CIG-Saúde non entende que non exista un responsable de garantir a calidade do proceso asistencial, asegurando a trazabilidade segundo os protocolos establecidos para xerar un entorno seguro no desenvolvemento do seu traballo. Protocolos dun plan funcional do que as traballadoras/es deben estar informados/as e deben asumir as responsabilidades descritas no mesmo. E que a Xerencia nunca informou aos representantes dos traballadores/as.