Adiado o inicio da folga indefinida no transporte até o martes en aras de facilitar as negociacións e chegar a un acordo de convenio

A CIG critica que a patronal segue sen abordar materias importantes para o sector e as propostas que traslada seguen sendo insuficientes
A Coruña - 31 Xan 2026

As centrais sindicais acordaron adiar o inicio da folga indefinida no transporte de viaxeiros da provincia da Coruña previsto para este luns, co obxectivo de facilitar a continuidade das negociacións e chegar a un acordo de convenio digno. As CIG advirte que este será o único aprazamento do paro xeral que acepte polo que, de non producírense os avances esperados na xornada do luns, a folga comezará sen máis dilación martes 3 de febreiro.

Na reunión deste sábado, que rematou sobre ás 19h, a patronal trasladou unha proposta “que sabe que non pode ser a derradeira, porque en materia salarial non avanza nada, pero coa que o empresariado pretende alongar os prazos do conflito”. Así resumía o responsábel de Transportes da CIG, Ernesto López Rei, o encontro da mediación que tivo lugar hoxe en Santiago.

Sobre o resto das materias, explicou que a patronal propuxo unha redución da xornada  de 16 horas que cualificou de “moi cativa” por non responder ás reivindicacións do persoal e uns prazos para a elaboracións dos cadrantes insuficientes. Considerou especialmente perigosa e lesiva a proposta da patronal sobre a xornada continuada baseada en “quitar a dieta de banda horaria a cambio de sete euros ao día”. Unha cuestión que, subliñou, a CIG non aceptará de ningunha maneira.

Como contrapartida á esta oferta e para poder seguir negociando, a patronal pediu a suspensión da folga durante a xornada do luns. “Xa advertimos que esta será a única suspensión que exista, ou hai un acordo o luns ou o martes comeza a folga indefinida, pero a patronal que non conte con seguir dilatando a negociación”, aseverou.

A CIG tamén reclamou a retirada dos expedientes disciplinarios abertos por Monbús contra traballadores e traballadoras ao entender que se trata dunha medida coercitiva contra o exercicio do dereito fundamental á folga.

López Rei denunciou que na xuntanza deste sábado o empresariado teimou en non entrar a falar sobre a xubilación parcial, a mellora das coberturas nas situacións IT, a dignificación das condicións do persoal acompañante, as melloras no complemento de nocturnidade, ou a ampliación dos permisos e licencias, materias todas que o persoal situou como prioritarias na negociación deste convenio.

Así as cousas, a negociación continuará o próximo luns ás 13 horas e a CIG exíxelle á patronal que atendas as reivindicacións do sector por un convenio digno se realmente quere chegar a acordo e pechar o conflito.