Actualidade do Pacto da Moncloa

Manuel Mera - 09 Nov 2023

Con este pacto laboral, que garantía os intereses das clases dominantes, e defendido nas empresas sobre todo pola base sindical do PSOE e do PCE, ficaba aberto o camiño para un acordo no ámbito político e no modelo de Estado, freando as reivindicacións das nacións subordinadas

 Os Pactos da Moncloa, tan gabados polos partidos e sindicatos sistémicos hoxe, limitaban o aumento salarial e permitían o despedimento sen impedimentos de até o 5% do cadro de persoal, entre outros aspectos. O acordo converteuse nunha batalla convenio a convenio, rachando a unidade da clase traballadora, e puxo o sindicalismo estatal e a unha maioría da clase traballadora á defensiva. Na nación galega opuxéronse ao pacto sindicatos como a ING, CNT e USO, que realizaron manifestacións conxuntas o 11 de novembro de 1977. A oposición aos Pactos da Moncloa fortaleceu esencialmente o sindicalismo nacionalista galego, máxime despois do éxito das posteriores xornadas de loita, ligadas a este tema, o 27 de xaneiro e 27 de xuño do ano 1978.

 Esquécese en moitas análises que o pacto político que garantía unha transición evitando a ruptura co réxime, defendido por gran parte da oposición á ditadura franquista, tivo a súa primeira proba de lume nos Pactos da Moncloa. Asináronse hai catro décadas, o 25 de outubro de 1977, polos partidos UCD, AP, PSOE, PSP, CiU, PNV e o PCE.

 A escusa que se daba, era a crise económica e un hipotético golpe armado dun sector do exército comprometido co anterior réxime. O pacto afectou no eido sindical especialmente a CCOO e UGT, que tardaron días en reaxir. Mesmo, nun primeiro momento, algúns destes sindicatos opuxéronse frontalmente. Porén, terminaron aceptando o acordo pechado polas cúpulas dos partidos que eran a súa referencia política. Cómpre dicir que este modelo pactista terminou implantándose, primeiro como estratexia da UGT e incorporando pouco despois a esta práctica a CCOO. A esta dinámica pactista chamóuselle “concertación”. Asinaríanse máis pactos sociais nos seguintes anos, desta vez por iniciativa de ambos os sindicatos: AMI (1981), ANE (1982), AES (1985), etc.

 O acordo sacrificaba as reivindicacións salariais da clase traballadora, que era a punta de lanza das reclamacións económicas e laborais da etapa, xunto coa loita pola soberanía no nacionalismo periférico, que encabezaba as loitas democráticas e políticas. Con este pacto laboral, que garantía os intereses das clases dominantes, e defendido nas empresas sobre todo pola base sindical do PSOE e do PCE, ficaba aberto o camiño para un acordo no ámbito político e no modelo de Estado, freando as reivindicacións das nacións subordinadas. A Constitución, que consagraba o réxime do 78, aprobaríase en referendo o 6 de decembro dese ano.

 Agora ben, a “ruptura democrática” era a resposta do sistema a tres crises: a económico-social, a democrática e a nacional. Polas contradicións que estas alternativas xeraban, o chamado por algúns “Réxime do 78” perdeu axiña a capacidade que tiña para manter sen contratempos a viabilidade dos intereses das clases dominantes. En resumo, seguiron latentes os conflitos xerados polo marco económico-social, os novos límites democráticos e o papel subalterno das nacionalidades. Lembremos que unha parte do nacionalismo xa considerou naquel intre o Estado das Autonomías como unha simple e insuficiente descentralización administrativa. As súas eivas e atrancos agraváronse coa LOAPA primeiro, coa entrega de competencias á UE despois, e sen dúbida coa globalización neoliberal que alentou as cadeas de valor internacionalizadas ou como mínimo rexionalizadas, mesmo a dos bens máis básicos. 

 En calquera caso, para alén das valoracións que fagamos neste intre especifico, por exemplo sobre cales poden ser as saídas ao conflito catalán ou a un capitalismo senil, resulta evidente que o Estado amosa o esgotamento dos acordos de gobernabilidade de hai catro décadas. E os últimos pasos non axudan precisamente a unha solución dialogada do conflito político existente. O aumento da desigualdade social é outro reto que non deixa de medrar. Que efectos terá sobre todos estes procesos e contradicións un mundo máis multipolar?...  Será un paso adiante como espera unha gran maioría?...

 

[Galiza, 9 de novembro de 2023]