Actores e actrices de dobraxe en Galiza mobilízanse por un convenio digo

Denuncian que teñen un convenio de 2006 que nin sequera se cumpre
Nacional - 17 Mar 2024

As e os profesionais da dobraxe en Galiza mobilizáronse este domingo polas rúas de Compostela convocadas polas Asociación de Artistas de Dobraxe, a CIG, CCOO e UGT e co apoio da Asociación galega de Actores e Actrices, para reclamar un convenio digno e denunciar, máis unha vez, a situación “insostible e ilegal” que soportan desde hai case dúas décadas.

Subliñan que levan 18 anos cobrando por baixo do que establece a lei e consideran que chegou o momento de reivindicar “de forma inequívoca e decidida” o seu dereito a que se aplique o convenio colectivo.

O convenio de dobraxe en Galiza ten ámbito autonómico e abrangue os dous idiomas oficiais. En canto o galego se cobra integramente (co salario de 2006), as empresas da patronal decidiron tornar máis competitivo o traballo en castelán, deixando de retribuír o que está establecido legalmente. Para iso, determinaron non respectar o convenio e pagar, no mellor dos casos, un 25% menos do que deberan atendendo ao que establece un convenio caducado e que se incumpre desde a súa creación.

Convenio de 2006

O convenio, de 2006, está caducado desde hai 18 anos e non se revisa desde aquela. Ademais, foi asinado pola patronal e, acto seguido, denunciado para que non puiden percibir as subas do IPC durante estas case dúas décadas.

Denuncian que desde o empresario máis modesto até a gran multinacional, ameázaos agora con fechar se aplican a táboa salarial legal. Unha situación á que se une a coacción de que, de non aceptar as súas condicións, non os chamarán para traballar, sementando así o medo entre o colectivo de intérpretes. Entrementres, moitos dos estudios de Galiza invisten nas súas instalacións e aumentan o número de salas con que contan.

Tanto o persoal da rama artística, da rama técnica, de produción e administración, de tradución e axustadores como o persoal de limpeza están fartos de ser o sostén de empresas que non deixan de crecer e investir nun sector que está en continuo auxe como é o audiovisual. Mentres as súas condicións laborais se depauperan, as empresas aumentan a súa produtividade, enriquecéndose á conta do seu esforzo.

Tras varias tentativas de negociación, sempre da parte social, non chegaron a acordo ningún. Neste sentido, o representante da CIG, Adolfo Naya, denuncia que a pretensión destas empresas é “competir na miseria” e legalizar unhas condicións laborais mesmo peores que en 2006, so pretexto de poder competir así con outras comunidades, sumindo ás traballadoras e traballadores do sector na máis absoluta precariedade.

Demandas

Fronte a isto, o persoal reclama cobrar segundo o convenio e que a dobraxe ao castelán se pague segundo o que está contemplado. Exixen transparencia nos datos e que as empresas “deixen de amañar as contas para que pareza que nos pagan por convenio cando non é así”.

Exixen ademais a actualización do convenio, tanto para o galego como para o castelán e que o que lles paguen “permita vivir dignamente” e, sobre todo, “respecto para esta digna profesión” e para os traballadores e as traballadoras que a desempeñan.