"Absoluta neglixencia" de Abante BPO na adopción de medidas de seguridade e saúde no traballo
Desde a Sección Sindical da CIG en Abante B.P.O. Lugo, a empresa máis grande do sector dos centros de chamadas na provincia de Lugo, denuncian a "absoluta neglixencia" da empresa á hora de adoptar medidas preventivas que garantan o traballo dos teleoperadores e teleoperadoras en condicións dignas. Esta situación vénse dando desde que a empresa se instalou na actual localización, e xa desde 2015 ten requirimentos da Inspección de Traballo para proceder á súa subsanación, a pesar do cal "pasan os meses e pasan os anos e o problema continúa igual". Isto ten provocado que a Inspección de Traballo levantara xa varias actas sancionadoras contra da empresa.
Desde inicios de ano, e despois dunha denuncia do Comité de empresa, a Inspección fixo unha serie de requirimentos en materia de saúde laboral, estabelecendo de prazo até o 24 de xuño para o seu cumprimento. Porén, engaden dende a sección sindical, "a unha semana do vencemento sabemos xa que non se vai cumprir, o que supón unha vez máis unha actitude cínica, neglixente e irresponsábel da empresa cara aos seus traballadores e traballadoras".
Entre os incumprimentos, hai un que destaca pola estrema gravidade do mesmo, que é o referente ás condicións climáticas do edificio, dado que o sistema de climatización non funciona e as características da edificación, acristalada e cunha cúpula superior, provoca un efecto invernadoiro nos postos de traballo que xera un aumento de temperatura considerábel sobre a temperatura ambiente. "Isto provoca que na época estival os traballadores e traballadoras se vexan afectadas por indisposicións propias relativas á alta temperatura, como son lipotimias, baixadas de tensións, etc. De feito en ocasións ten sido preciso ter que recorrer a servizos médicos", denuncian.
Desde a Sección Sindical da CIG amosa a enorme preocupación pola situación que se pode xerar nos vindeiros días debido á vaga de calor, xa que as previsións meteorolóxicas anuncian temperaturas para a cidade de Lugo por riba dos 35ºC, "o que implicaría estar dentro das instalacións por riba dos 40ºC".
"Estas condicións de traballo son absolutamente ilegais e inhumanas, e no caso de darse algún incidente de saúde vinculado a esta situación desde a CIG actuaremos na esixencia e depuración de responsabilidades até as últimas consecuencias por todos os medios legais posíbeis, posto que non estamos en disposición de ser cómplices dunha situación na que a saúde das traballadoras corre perigo", aseveran.
Neste senso, valoran que "non é de recibo" que a empresa de Lugo cidade con máis traballadores e traballadoras, supera as 400 persoas contabilizando o persoal de ETT, estea nunha situación tan precaria e lamentábel.