ABAI anuncia un ERTE para 341 persoas, 70 no centro de traballo da Coruña
O comité de Abai Business Solutions (antiga Extel) rexeita de pleno o ERTE que acaba de formular a empresa e que afectará a 341 traballadoras e traballadores en todo o Estado, 70 delas do centro de taballo da Coruña.
Abai é unha empresa do sector dos centros de chamadas que ofrece servizo a grandes compañías como Movistar, Taxdown, Inditex ou as administracións públicas, como foi o caso da Xunta de Galiza que lle adxudicou un contrato millonario polo servizo de rastrexo da Covid-19. Aínda que o comité denuncia que dito servizo se prestou apenas durante 6 meses e de forma caótica, "vulnerando a empresa en moitos casos os dereitos do persoal contratado de forma temporal".
Entenden que este expediente de regulación temporal de emprego supón un paso máis na estratexia que ten en marcha a dirección "que consiste en afondar na precarización das condicións laborais e arrebatar os dereitos adquiridos".
Por iso, o comité do plataforma da Coruña oponse frontalmente a este expediente "a través do que se pretende mandar ao paro durante 12 meses prorrogábeis ás persoas afectadas, o que lles conleva un grave prexuízo económico". Considera ademais totalmente inxustificado este ERTE "nunha empresa que presume publicamente de millonarios beneficios".
En resposta a este ataque, xa están convocadas dúas xornadas de folga de 24 horas para os días 13 e 19 de xuño. Coincidindo co primeiro día de paro, o 13 de xuño, o comité tamén ten convocada unha concentración ás 12.00 diante do centro de traballo da Coruña, (Edificio Proa, Matogrande), baixo o lema "Non ao ERTE en Abai".