A xustiza recoñece o dereito dos grupos 3 e 4 e transitorio de Navantia a percibir o plus de distancia
A Audiencia Nacional vén de recoñecer o dereito a cobrar o plus de distancia para todo o persoal dos grupos profesionais 3 e 4 e o grupo transitorio dos centros de traballo de Navantia en Ferrol, Cartaxena, Madrid Castellana e San Fernando, con independencia da empresa de procedencia ou de se a incorporación á compañía pública naval se produciu con posterioridade ao ano 2018.
A sentenza prodúcese tras do conflito colectivo presentado pola CIG, ao que posteriormente se sumaron o resto de centrais con representación no comité, a causa da negativa de Navantia a abonarlles o complemento baseándose en que este persoal procede doutras empresas do grupo non reguladas polo XXI convenio interprovincial de Bazán e o XXI convenio de oficinas centrais de Bazán ou que a súa incorporación á empresa pública se fixo con posterioridade á sinatura do I convenio intercentros en 2018.
A sección sindical da CIG explica que aínda que o convenio intercentros recolle no seu artigo 33 o dereito a percibir un plus de distancia, que cualifica como complemento de posto de traballo, Navantia rexeitaba a súa aplicación a todo o persoal aducindo que a súa presenza no articulado constitúe un "erro administrativo ou de redacción". Cuestión que a Audiencia Nacional rexeita de plano, considerando que Navantia ten que abonarlle a este persoal dito plus nas mesmas condicións e contías que ao resto de traballadores e traballadoras dos centros referidos.
A representación da CIG valora positivamente a resolución da Audiencia e avanza que seguirá loitando "para que non se produza a dobre escala salarial" e pelexando "contra unha dirección que trata de limitar moitos dos dereitos que tanto tempo custou conquistar, xudicializando conceptos que non ofrecen a máis mínima dúbida". Neste senso, lembran que a Inspección de Traballo xa determinara que non había razón para a exclusión deste colectivo laboral do plus de distancia, xa que esta medida supón establecer condicións de traballo inferiores ás establecidas no convenio.
A sentenza limita a súa actuación aos empregados e empregadas dos centros de traballo de Navantia na ría de Ferrol, Cartaxena, Madrid Castellana e San Fernando, deixando en mans da Comisión de Política Salarial do convenio a ampliación deste dereito ao conxunto do cadro de persoal.