A xustiza dálle a razón á CIG e A Rosaleda non poderá contar os días libres nos permisos retribuídos
O xulgado do Social nº4 de Compostela vén de emitir sentenza dándolle a razón á CIG no conflito colectivo contra o Policlínico da Rosaleda (grupo HM) polo cómputo que durante anos estivo facendo a empresa dos días dos permisos retribuídos. A sentenza estabelece que o cálculo das licenzas con salario non pode incluír os días libres nin estas teñen que collerse en todas as circunstancias en xornadas consecutivas.
A delegada da CIG, Ana Varela, valora moi positivamente a resolución xudicial que pon fin a unha práctica abusiva por parte da empresa que "durante anos nos estivo roubando os días de permiso" ao realizar unha interpretación do convenio favorábel aos seus intereses, "pois se nos tocaba comezar nun día libre, contábanolo igual, e ademais sempre nos obrigan a coller os permisos en días consecutivos".
Varela apunta que a representación da CIG leva anos tentando negociar coa empresa a fórmula de cálculo das licenzas recollidas no artigo 14 do convenio colectivo de sanidade privada da Coruña: hospitalización, accidente, falecemento de familiar, casamento etc. "Pero a empresa negouse a negociar, polo que tivemos que ir á comisión paritaria e despois a un AGA, nos que tampouco foi posíbel o entendemento, e finalmente a xuízo".
Agora, malia a negativa reiterada da empresa, o xulgado recoñece todas e cada unha das peticións formuladas pola CIG: que os permisos retribuídos están previstos para ser concedidos e gozados nos días de traballo e non se pode iniciar o cálculo no mesmo día do feito causante nin contabilizalo en días naturais. Deste xeito, a sentenza estabelece que o cómputo das licenzas retribuídas do artigo 14 do convenio ten que iniciarse sempre no primeiro día laboral seguinte, nos casos nos que o feito causante ocorra nun día non laborábel para a persoa traballadora.
Ademais, téñense que excluír do cómputo da duración total dos permisos curtos os días nos que a traballadora ou o traballador non tivera obriga de traballar; e nos casos de hospitalización e intervención cirúrxica, a persoa traballadora poderá coller o permiso cando queira mentres dure a hospitalización da persoa familiar, sen que teña que ser nos primeiros días nin de maneira consecutiva. Ademais, entende que este permiso se pode estender tamén ao tempo de repouso domiciliario prescrito.
A sentenza ten a súa transcendencia por canto pode levarse á comisión paritaria do convenio como base para estabelecer un criterio xeral e único de interpretación de como deben calcularse as licenzas retribuídas.