A Xunta recúa ante a folga no ensino, pero as medidas seguen a ser “insuficientes e desiguais”
A Xunta publicou onte o protocolo de adaptación ao contexto da covid no ensino non universitario galego para o curso 2020/21, adiantando seis días a data prevista e introducindo algunhas novidades, aínda que as medidas que contempla seguen a ser “insuficientes e desiguais”. En consecuencia, as centrais manteñen a convocatoria de folga e as mobilizacións.
A publicación por parte da Consellaría de Educación tivo lugar tres días despois do rexistro da convocatoria de folga para o 10 e 16 de setembro e xusto unhas horas despois de que se fixeran públicas as mobilizacións convocadas para estes primeiros días de setembro pola CIG-Ensino, CCOO, STEG e CSIF.
A principal novidade da versión denominada “definitiva” pola Consellaría é a autorización de desdobres nas aulas de secundaria, bacharelato e formación profesional nas que non sexa posíbel manter unha distancia de 1,5 metros entre centro das cadeiras. A Consellaría acepta por fin o distanciamento recomendado por todas as autoridades sanitarias en contra do criterio mantido até o momento, o que na práctica vai significar unha diminución das ratios nun número indeterminado de aulas, pero deixa fóra desta medida o ensino infantil, primario e de réxime especial.
En consecuencia, a CIG-Ensino mantén as accións de protesta até que se unifique a distancia de seguridade e se atendan a outras cuestións como a vulnerabilidade dos colectivos de risco e a descarga de toda responsabilidade dos equipos directivos e do profesorado.
“Non hai dúbida de que a convocatoria de mobilizacións e de dúas xornadas de folga, así como o inxente rexeitamento das familias e a presión social están detrás da modificación do protocolo publicado onte na páxina web da Consellaría, adiantándose en seis días á data anunciada polo propio presidente da Xunta. Malia que nas comunicacións públicas de Educación non había ningunha referencia aos cambios introducidos, a reacción onte do departamento que de momento ocupa Carmen Pomar, é unha rectificación en toda regra en canto ao distanciamento de seguridade nas aulas”, sinalan dende a central.
Por primeira vez o Protocolo Covid recolle que esta separación debe ser de, como mínimo, de 1,5 metros entre centro de cadeiras, pero cingue a súa aplicación ás aulas de secundaria, bacharelato e formación profesional nas que indica que “de non poder garantirse esta distancia se deberán realizar desdobres”.
Na práctica, esta é a medida que se vén reclamando desde o principio do estado de alarma e que significará unha baixada efectiva de ratios, coa conseguinte redución do risco de contaxio nas aulas. “Porén, neste momento non podemos saber cal é a incidencia real desta medida, toda vez que as previsión dos centros (espazos e profesorado) estaban feitas a partir da limitación a 1 metro, como se pode ver na cativa adxudicación de destinos provisionais”.
Negociacións inmediatas
A CIG-Ensino reclama que se convoque de inmediato unha negociación coas organizacións sindicais para concretar como se vai aplicar esta medida e anuncia que se manterá vixilante para que se lle dea cumprimento. “Como xa criticamos en reiteradas ocasións, a falta de credibilidade e de improvisación da Consellaría foi constante e levou a que se perdera un tempo esencial para a planificación do inicio do curso”. Así, considera que os equipos directivos terán agora que refacer todo o que levan traballado durante o verán e haberá que buscar alternativas se non hai espazos nos propios centros para levar a cabo eses desdobres.
Ao mesmo tempo, critica que a Consellaría “só sacara a fita métrica por fin para unhas etapas educativas”, xa que na última versión do protocolo publicada onte as Escolas de Idiomas, Conservatorios e Escolas de Artes “non existen”. Polo que non se sabe se o distanciamento de metro e medio lles vai ser de aplicación ou non. Mentres tanto, estenden a invención da aula burbulla a toda primaria para evitar reducir a ratio de 25 nas aulas.
Para a CIG-Ensino isto é “discriminatorio e irresponsábel”. Hai que ter en conta que canta menor idade ten o alumnado máis difíciles son de cumprir as outras medidas de prevención, como o uso correcto da máscara, a hixiene de mans e do material empregado ou o control do contacto con boca, nariz e ollos.
En infantil tamén se mantén o concepto de aula burbulla e introdúcese unha modificación que de novo é unha “cortina de fume” para non abordar a necesaria redución do número de alumnado por aula. Aparece a subdivisión do grupo estábel en grupos de 5 nenas e nenos que teñen que manterse separados entre si 1,5 metros. De novo esta medida, xunto coa máscara “sempre que sexa posíbel” para maiores de 3 anos, son “parches” que non entran no fondo da cuestión do que realmente necesitan estas ensinanzas, que son ratios máis reducidas. “Co tamaño medio das aulas de infantil nos centros urbanos e periurbanos do país vai ser imposíbel cumprir con seguridade esta nova ocorrencia da Consellaría”.
Mobilizacións necesarias
Con todo, dende a central entenden que malia terse producido unha rectificación nas distancias en secundaria e FP, son moitas as cuestións preventivas que seguen quedando sen abordar no protocolo e que afectan aos servizos complementarios (comedores, transporte, programas madruga); á dotación de material para familias e profesorado no caso de illamentos preventivos ou corentenas; á responsabilidade patrimonial ou mesmo penal de docentes e equipos directivos en lugar da Xunta; ao protocolo de illamento tras a detección dun caso positivo (realización de probas PCR aos contactos estreitos, corentenas, etc). “Todo isto segue igual sen concretar e debemos evitar que a improvisación siga sendo marca da casa tal e como a propia conselleira vén de manifestar en declaración públicas nas que sen ningún rubor admite que xa se irá vendo pouco a pouco”.
Outra cuestión de especial relevancia que segue a ignorarse é a vulnerabilidade dos colectivos en risco. Na CIG-Ensino din non entender como en maio o persoal docente con enfermidades graves, inmunodeprimido ou as embarazadas eran colectivos de risco e nestes momentos non se lles ofrece ningunha posibilidade de adaptación do posto de traballo ou de teletraballo.
“Temos por diante unha loita que debe intensificarse estes días xa desde a voráxine de traballo nos centros educativos, que é responsabilidade da improvisación e da borracheira de poder do Feijóo na Xunta”. Por iso lembran as accións de rexeitamento ao protocolo previstas, como a convocatoria de concentracións diarias de entre 15 e 20 minutos diante dos centros desde hoxe mesmo, a aprobación de resolucións críticas nos claustros de principio de curso e no Consello Escolar e a convocatoria de dúas xornadas de folga coincidindo co primeiro día de aulas nas distintas etapas educativas (os días 10 e 16 de setembro).