A Xunta non realizará probas PCR ao persoal e aos novos ingresos dos centros de menores
A CIG denuncia que a Xunta non lle vai facer probas PCR nin aos novos ingresos nin ao persoal dos centros de menores a pesar de ser unha das medidas máis efectivas para evitar contaxios da covid-19. Dende a central sinalan que noutras comunidades do Estado si se están a facer despois dos gromos rexistrados nalgúns centros.
Na CIG lamentan que cando é preciso que toda a cidadanía extreme as precaucións fronte á pandemia, a Consellería de Política Social non vai cumprir unha das medidas máis efectivas para evitar que se produza un contaxio nos centros de menores: facer probas PCR aos novos ingresos, tanto menores como traballadoras/es.
Sinalan que no Consejo Interterritorial del Sistema Nacional de Salud do pasado venres 14 acordouse, entre outras, a seguinte medida de prevención e seguridade, respecto dos centros sociosanitarios: “Por un lado, realizar pruebas PCR a todos los nuevos ingresos en los centros sociosanitarios de carácter residencial, con 72 horas de antelación como máximo. También se hará a los empleados/as que regresen de permisos y vacaciones, y a los nuevos trabajadores/as que se incorporen”.
Sen embargo, na nota de prensa publicada na web da Consellería o luns 17 de agosto fálase de aplicar esta medida só nos centros de maiores e de atención a discapacidade, deixando fóra aos centros de menores. Este criterio de exclusión non é compartido noutros territorios do Estado español, como no caso da Comunidade murciana, onde xa houbo abrochos en centros de menores, polo que decidiron aplicar esta medida.
Neste senso, explican que o luns 17 e o mércores 19 de agosto o delegado de Prevención de Riscos Laborais do CR Monteledo, e delegado de persoal da CIG de Ourense, fíxolle sendas consultas telefónicas á Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica para saber se nos centros de menores galegos se ían tomar medidas preventivas e cales concretamente, dado que a finais de agosto regresaban das vacacións unha cantidade importante de traballadoras/es.
E tendo en conta que coa normalización da actividade xudicial os ingresos de menores nos centros volve ao seu ritmo habitual, “polo que consideramos fundamental a implementación das medidas aprobadas no Consejo Interterritorial de cara a minimizar o risco de contaxio dentro do centro, tanto entre traballadores como entre usuarios/as ou internos”.
Extremar as precaucións
Ademais, as características dos centros de menores, en particular dos centros de cumprimento de medidas xudiciais, fan necesario extremar as precaucións, dado as súas características:
-Ventilación limitada e deficiente (fiestras de seguridade para evitar fugas que só abren 10 centímetros e portas de entrada pechadas con chave).
-Imposibilidade de manter a distancia de seguridade (espazos reducidos nos fogares con ata 12 menores + 3 educadores/as + garda de seguridade).
-Crecente conflitividade (nos últimos tres anos o número de agresións e contencións físicas aumentou exponencialmente en Ourense).
Por todo isto, dende a CIG solicitáronlle á Consellería de Política Social que aplique nos centros de menores de Galiza as medidas acordadas no pasado Consejo Interterritorial del Sistema Nacional de Salud.