A Xunta non prevé aumentar o persoal de limpeza para a axeitada desinfección dos centros de ensino
A consellaría de Educación non prevé o aumento de persoal de limpeza nos seus centros educativos. Así o denuncia a CIG-Administración Autonómica, que alerta de que as escolas de Infantil, Primaria, institutos de ESO, Bacharelato, educación especial, escolas oficiais de idiomas, conservatorios e Formación Profesional da Xunta de Galiza “van abrir as portas sen a seguridade suficiente fronte ao COVID-19 ao non poder garantirse a hixiene, desinfección e limpeza axeitada das súas instalacións”.
Para a CIG-Administración Autonómica é inasumible o “Protocolo” que pretende a Xunta impor porque aumenta as tarefas de limpeza sen aumentar o cadro de persoal. “Co traslado dunha persoa de tarde para tarefas COVID para a mañá provócase que, na práctica, non se dea feito unha limpeza ordinaria pola tarde e moito menos unha limpeza COVID” afirma a responsable nacional, Zeltia Burgos.
A este respecto aclara que Educación pretende, segundo se desprende do protocolo, que haxa persoal nos centros polas mañas, durante aproximadamente 3 horas cada día, e que se limpen determinadas zonas varias veces no día. Por iso pregúntase “quen vai facer a limpeza de tarde se se traslada unha persoa para a mañá, se antes este persoal xa tiña unha elevadísima carga de traballo e non lle sobraba tempo de xornada para facer máis?”
Limpeza covid
Na limpeza COVID hai que facer un varrido e fregado de todas as superficies, como se se tratara dunha limpeza xeral, pero nun só día. Como exemplo Burgos explica que nun instituto medio de 700 alumnos/as hai 3 limpadoras/es para 2 entradas, 3 laboratorios, 1 biblioteca, 6 zonas de baños cos seus servizos e duchas, pavillón e ximnasio, salón de actos, secretaría, conserxería, sala de atención ás familias, zona de despachos de dirección e despachos de departamentos, sala de profesorado, patio cuberto e beirarrúas de acceso.
Ante este listado abrumador de labores, a responsable nacional da CIG-Administración Autonómica pregúntase se realmente “poden dúas persoas limpar todas as superficies de contacto cada día e, algunhas delas, varias veces ao día”.
O ratio actual de persoal de limpeza nos centros educativos é de 1800m/ limpadora e en base a isto deséñase o cadro de persoal. Nel están incluídos servizos cos wc, alicatados, mesas, cadeiras, ventas, portas, manillas, mamparas e cristaleiras de conserxería, laboratorios con cada fregadeiro e banqueta, estanterías, mesas da sala de profesorado, taquillas, entradas, sala de comedor ou cafetería, patios...”Un traballo xa de por si duro e mal valorado, para o que, desde a CIG, levamos anos pedindo a súa revisión e que agora co COVID non só non se revisa e aumenta o persoal senón que se incrementa a carga de traballo, por parte da consellería de Educación con autoritarismo e sen ter en conta ao persoal afectado, nin á súa representación legal e mesmo obviando aos Comités de Seguridade e Saúde laboral”, denuncia.
A responsable nacional da CIG-Administración Autonómica asegura, ademais, que este persoal non recibiu formación algunha en materia de prevención fronte ao COVID, nin se sabe de que EPIs van dispor, sobre todo para limpar zonas de alta concentración de virus, como poden ser os WC e lavabos ou se disporán de servizo de lavandaría para desinfectar a súa roupa de traballo.
Por iso, diante desta situación, a CIG-Administración Autonómica conclúe que estamos diante dunha “desfeita” que “deixa en grave risco ao colectivo de traballadoras e traballadores máis vulnerable fronte ao COVID”.