A Xunta impón a reapertura dos rexistros dos edificios administrativos das sete cidades
A Xunta de Galiza vén de informar da apertura das oficinas de rexistro, cun sistema de cita previa, para posibilitar a tramitación de determinados procedementos administrativos para a vindeira semana. A CIG-Autonómica denuncia que todo isto fíxose “sen negocialo previamente en ningunha mesa, nin tratalo con ninguén e sen informar con antelación”.
Segundo informa o Subdirector Xeral de Coordinación de Servizos Transversais van enviar un plan de prevención específico para estas unidades entre os que esta a separación entre o persoal funcionario e a colocación de pantallas de metacrilato. Ante a crítica da CIG a esta decisión, explica que as direccións serán quen establezan de inmediato estas medidas antes de activar o rexistro e que por iso non dan data concreta de apertura.
A CIG-Autonómica solicitou a negociación previa antes da reactivación de ningún servizo, máis cando ten contacto directo cos cidadáns. “Necesítase un plan de prevención específico para cada centro de traballo que teña en conta as peculiaridades dos centros como a ventilación ou o espazo e a cantidade de público. Isto ten que ser a maiores daquelas medidas guía establecidas con carácter xeral. Ademais hai que dar tempo a que se resolvan as solicitudes de traballadores/as sensibles, polo que pedimos que as persoas que o soliciten queden cautelarmente na casa e non asuman riscos innecesarios”, sinala a responsable nacional do sector, Zeltia Burgos.
Negociar a desescalada
A CIG-Autonómica defende que a desescalada se negocie e se faga con sentido. “Xa temos solicitado a Función Pública unha xuntanza no marco da Mesa Xeral de Empregados Públicos na que se trate a ampliación masiva do teletraballo, se negocien os criterios de desescalada e mesmo quendas de non coincidencia, sempre co plan preventivo por diante”, explica Burgos.
Os plans de prevención ante o coronavirus por diante de calquera reincorporación
A responsable da CIG-Autonómica denuncia que a Xunta de Galiza negouse a reunir aos Comités de Seguridade e Saúde Laboral Intercentros nin os específicos de consellerías (agás de Medio Ambiente) “a pesar de que llo solicitamos dende o comezo da alarma sanitaria. Agora non poden seguir a obviar esta ferramenta imprescindible para salvagardar a saúde e a seguridade ante o risco de contaxio ao COVID. Non estamos preparados ante o risco biolóxico e as avaliacións de riscos laborais aínda non están adaptadas a esta nova realidade”.
Por iso a CIG “rexeita a volta ao traballo sen condicións de seguridade”.