A Xunta decreta uns servizos mínimos abusivos para a folga do sector do transporte de viaxeiros/as
As centrais sindicais rexeitan os servizos mínimos abusivos impostos pola Xunta de Galiza para a xornada de folga convocada no sector de transporte de viaxeiros/as por estrada este próximo venres, 31 de marzo. Con motivo do paro, CIG, CCOO e UGT tamén teñen convocadas concentracións ás 11 horas nas estacións de autobuses da Coruña, Vigo, Santiago, Ferrol, Lugo e Ourense, mentres que na de Pontevedra, a protesta farase ás 18h.
En roldas de prensa simultáneas, representantes das tres centrais sindicais criticaron, por abusivo e vulnerador do dereito fundamental á folga, o decreto de servizos mínimos da Xunta de Galiza, xa que impón unha actividade media do 80%, que chega a ser do 100% nas horas punta, tanto nos servizos regulares como no transporte escolar. Ante isto, están estudando presentar recurso contencioso-administrativo contra o decreto.
O responsábel do sector de Transportes da FGAMT-CIG, Xesús Pastoriza, lamenta a irresponsabilidade da administración galega, pois dunha banda recoñece o carácter esencial do sector ao impor estes servizos "máximos", mentres que polo outro se desentende das súas obrigas negándose a mediar e non convocando tampouco a mesa de seguimento.
Neste senso, subliña que dende que se formalizou a convocatoria, a patronal non fixo ningún intento de desbloquear a negociación colectiva nin trasladou propostas que permitan achegar posturas. "O único que houbo foi unha xuntanza da mesa do convenio provincial da Coruña que non serviu para nada", indicou Pastoriza, subliñando que no caso de Lugo, a mesa nin sequera se reúne.
Por iso, xa advertiu que, se a patronal teima na actitude inmobilista "despois da folga do día 31, o conflito intensificarase e, á volta da semana santa, as mobilizacións irán a máis".
Parálise na negociación e precariedade laboral
Sobre os motivos do paro, salienta que son tres as razóns principais: a paralización na negociación dos catro convenios provinciais, a situación precaria do sector (tanto no relativo ás condicións laborais como á propia prestación do servizo) e os reiterados problemas de seguridade que presentan os autobuses.
No relativo á negociación colectiva, explica que, malia a elevada carestía da vida, a patronal só está ofrecendo incrementos do 0,8%, sen cláusulas que garantan o mantemento do poder adquisitivo dos salarios. Ademais desta suba de miseria, o empresariado tampouco quere entrar a negociar ningunha mellora relativa á xornada ou ás condicións laborais e sociais.
Pastoriza alertou do estado lamentábel da flota de vehículos, con autobuses moi vellos que presentan avarías constantes e falta de mantemento adecuado, pondo así en risco a seguridade viaria. E neste senso, reclámalle á Xunta de Galiza que faga o seu labor inspector o estado dos coches e a súa antigüidade dos autobuses, xa que non se corresponde co que as empresas ofertaron nos concursos.
A este respecto, o representante da CIG puxo o acento en que parte importante do deterioro das condicións de traballo e do servizo que se presta deriva dos contratos licitados por Mobilidade nos anos 2019-2020 e os contratos licitados por Educación en 2021-2022, que estaban economicamente infradotados. "Non obstante, a patronal acudiu sabendo que eran deficitarios e baixando aínda máis o prezo de saída (nalgúns casos até o 30%) coa pretensión de tirar beneficio a conta de explotar o persoal".
Pero os traballadores e as traballadoras non van consentir "que se sosteña un servizo público como o transporte de viaxeiros/as por estrada a base de precarizar o persoal e deteriorar o servizo" e por iso, inician esta nova xeira de mobilizacións para reclamar convenios dignos e con dereitos.