A Xunta de Persoal e SOS Sanidade convocan unha marcha en Vigo para esixir rescate público do Cunqueiro e Meixoeiro
Representantes da Xunta de Persoal e de SOS Sanidade presentaron este mércores en rolda de prensa unha nova mobilización na cidade para reclamar o rescate da concesión do centro hospitalario Álvaro Cunqueiro e a xestión pública do Meixoeiro, ademais da utilización dos dous anexos do Xeral, da reapertura do policlínico Cíes e da mellora da atención primaria no conxunto da área sanitaria viguesa.
Os colectivos promotores da protesta anunciaron tamén que desenvolverán unha campaña informativa entre os profesionais e a cidadanía que incluirá o reparto de ducias de milleiros de panfletos e duns 5000 cartaces “para concienciar sobre a situación na que se atopa a sanidade pública viguesa”. Ao mesmo tempo, manterán xuntanzas cos distintos/as rexedores/as da área para reclamarlles o seu apoio á manifestación.
Dende a Xunta de Persoal do Chuvi salientaron a importancia da mobilización co obxectivo de lograr que se rescate para a sanidade pública a concesión do Cunqueiro, que definiron como “un hospital privado con recortes” e lembraron que grazas ás anteriores manifestacións masivas celebradas na cidade “provocaron a caída dunha das peores conselleiras de Sanidade que tivo Galiza”.