A xunta de persoal do distrito sanitario de Valdeorras convoca unha marcha en defensa do hospital comarcal
A xunta de persoal do distrito sanitario de Valdeorras convoca unha manifestación en defensa do hospital comarcal e dos centros de saúde ante o progresivo desmantelamento da sanidade pública. A marcha arrincará este domingo 28 de novembro dende a casa grande de Viloira ás 12:00 horas e rematará diante do propio hospital.
Dende a representación dos traballadores/as lembran que manteñen dende outubro un calendario mobilizador que inclúe concentracións ao mediodía para denunciar diante da veciñanza a situación pola que atravesa tanto o hospital valdeorrés como a atención primaria do distrito sanitario.
Lembran que en 2010 a Xunta suprimiu a área sanitaria de Valdeorras co argumento da Xunta de que deste xeito a dotación do hospital sería mellor, sobre todo no caso de persoal médico. “Mais a realidade é que a día de hoxe a falta de facultativos/as faise evidente”.
Como exemplo, sinalan que en 2010 había tres traumatólogos/as dun cadro de persoal de catro, mentres que na actualidade hai unicamente un. Cirurxiáns/as eran tres de tres en 2010, mentres que en 2021 hai só un. En 2010 había un urólogo/a, mentres que na actualidade non hai ningún. Ao igual que os cardiólogos/as, que había un en 2010 e agora non hai. Rehabilitadores/as eran dous dun cadro de persoal de tres en 2010, mentres que hoxe o hospital carece deles/as.
Falta de efectivos no resto de especialidades
Segundo denuncian, estes son só algúns exemplos da situación do hospital comarcal, “pero poderiamos seguir nomeando o resto de especialidades onde faltan efectivos, coma medicina interna, xinecoloxía, radioloxía, medicina preventiva, urxencias, etc”. Estas carencias fan que o número de pacientes trasladados/as ao hospital de referencia, o CHUO, “aumento ano a ano, cos conseguintes trastornos para a poboación asistida, unhas 30.000 persoas”.
En consecuencia, e unha vez que a Xunta non dá solucionado estes problemas de persoal e de asistencia, decidiron convocar primeiro as concentracións e agora unha manifestación “á que chamamos a participar a toda a veciñanza das comarcas que compoñen o distrito sanitario: Valdeorras,Trives e Viana”.