A xunta de persoal da área sanitaria de Vigo apoia a manifestación deste xoves en defensa da sanidade pública

Chama as persoas traballadoras do sector a participar na mobilización convocada por SOS Sanidade
Vigo - 14 Xan 2025

A xunta de persoal da área sanitaria de Vigo reunida o pasado venres día 10 decidiu por unanimidade apoiar a manifestación en defensa da sanidade pública do deste xoves 16 de xaneiro convocada pola Plataforma SOS Sanidade Pública.

Dende o órgano de representación do persoal denuncian que a área sanitaria viguesa está a sufrir un deterioro progresivo froito das continuas políticas de recortes públicos. “Unha das grandes agresións á nosa sanidade pública foi a construción do novo hospital cun modelo de financiamento privado que supuxo un recorte non só na superficie, senón tamén nas camas hospitalarias coa que conta a área sanitaria e na carteira de servizos, tal e como confirma o Consello de Contas no seu informe sobre a fiscalización do contrato de concesión do novo hospital”. 

A marcha arrincará da Praza dos Cabalos ás 19:00 horas

Ademais viuse afectado o plan funcional inicial de toda a área sanitaria, condicionando a reestruturación dos hospitais Meixoeiro e Nicolás Peña e a ampliación da dotación de centros de saúde e Centros de Alta de Resolución de Vigo e do Morrazo.

Esta decisión política, que supuxo un sobre custe de 470 millóns de euros, tomouse no mesmo momento en que o persoal do Sergas vía recortados os seus dereitos e coincidindo co inicio dun recorte importante de persoal da sanidade pública mediante as taxas de reposición.

Por estas razóns a xunta de persoal da área sanitaria de Vigo anima as persoas traballadoras a participar na manifestación deste xoves 16 de xaneiro, que arrincará da Praza dos Cabalos ás 19:00 horas.