A Xunta de Persoal da área sanitaria de Pontevedra esixe a dimisión do equipo directivo da Xerencia
Os sindicatos da Xunta de Persoal da área sanitaria de Pontevedra CIG, UGT, OMEGA, CSIF, CCOO, TSP e SATSE desenvolveron hoxe unha concentración ás portas do Hospital Provincial para reclamar a dimisión do equipo directivo da Xerencia. En concreto, denuncian a falta de información, a ausencia de medidas de protección fronte á covid e a escaseza de persoal en todas as categorías laborais.
Dende as centrais sindicais critican a política comunicativa dos responsábeis da área sanitaria, baseada na falta de información, ao tempo que demandan máis medidas de protección fronte á pandemia e máis recursos humanos en todas as categorías. “A xestión actual non está a ser a máis axeitada, como se demostra por exemplo na falta de protocolos adaptados a servizos e centros de saúde”, sosteñen.
A xestión actual non está a ser a máis axeitada, como demostra a falta de protocolos adaptados a servizos e centros de saúde
Sinalan que “por prudencia e responsabilidade” non realizaron un chamamento aos traballadores/as para que participasen na mobilización, “senón que decidimos que fose unha persoa de cada sindicato a que representase a todos/as os compañeiros/as co fin de minimizar os riscos que implica o actual contexto sanitario”.
Máis mobilizacións
Ao mesmo tempo, anunciaron que continuarán coas protestas para deixar clara a súa principal reivindicación, que non é outra que a dimisión do actual equipo directivo: Xerencia, Dirección Asistencial, Dirección de RRHH, Dirección de Enfermaría e Dirección de Xestión.
Finalmente, lamentaron que “a pesar da realización de múltiples intentos de negociación para chegar a puntos comúns” as restantes centrais da Xunta de Persoal -Prosagap, Co.Bas e CESM- optasen por non participar na mobilización. “Tras a continua ruptura dos acordos verbais pola súa parte queda claro que dous non poden se un non quere”, rematan.