A Xunta de Persoal culpa o Goberno do deterioro e falta de uso do antigo edificio de Sanidade na Coruña
A Xunta de Persoal Funcionario da Xunta de Galiza na provincia da Coruña quere denunciar, a respecto da nova apertura do antigo edificio administrativo de Sanidade, que este espazo está sen uso e deteriorado “por culpa da Xunta e da súa incompetencia e imprevisión”.
O órgano de representación culpa a Feijoo e os/as anteriores delegados/as territoriais, nomeadamente a Belén Docampo, por “deixar morrer este edificio” ao trasladar servizos de Sanidade e espallalos por toda a cidade da Coruña, baixo o argumento do aforro. A Xunta de Persoal subliña non entender como este inmóbel podía supor un gasto tan terríbel, cando é patrimonio propio da administración autonómica.
Cualifican de “venta de fume” as palabras de Feijoo asegurando que se recupera para a cidadanía un espazo sen usos dende 2013 e nun estado evidente de deterioro. Neste senso, A Xunta de Persoal provincial lembra que se trataba dun edificio acondicionado para servizos sanitarios e cun laboratorio de saúde pública que quedou desmantelado, “polo capricho de querer regalarllo a Negreira para trasladar alí a Policía Municipal, “cousa que nunca aconteceu por estar en contra a policía de ir para alí”.
“Agora temos un edificio que no seu momento puido ser acondicionado e mellorado e que a tal altura, para polo a funcionar, haberá que investir unha cantidade que, segundo o Goberno andará nos 8 millóns de euros. Mentres, as traballadoras e traballadores da Xunta van dun lado para outro e sen ser informados, e os usuarios e usuarias sen saber onde está cada oficina”, critican.