A Xunta de Galiza utiliza o control das baixas médicas para avanzar na privatización da sanidade pública

Rueda anuncia novas unidades sen aclarar se atenderán as persoas enfermas ou fiscalizarán as baixas médicas, mentres facilita a intervención das mutuas co aval de UGT
Nacional - 17 Nov 2026

A CIG denuncia que a creación de unidades especializadas en patoloxías musculo-esqueléticas e de saúde mental nas sete áreas sanitarias galegas, anunciada polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, supón un novo paso na aplicación do plan de control das baixas médicas pactado coa patronal e UGT.

A Xunta presenta estas unidades como unha mellora asistencial, pero deixa sen resposta cuestións fundamentais como se dependerán do SERGAS ou terán participación das mutuas, con que persoal e orzamento funcionarán; e se incorporarán novas profesionais ou utilizarán os recursos xa existentes na sanidade pública.

Porén, para a CIG-Saúde a cuestión máis preocupante é a finalidade que terán estes dispositivos. “Van atender e tratar as persoas enfermas ou fiscalizar as decisións do persoal médico da sanidade pública? Este persoal especialista contribuirá á recuperación das persoas traballadoras ou a emitir informes para cuestionar as baixas e adiantar as altas médicas?”, inquire a secretaria nacional, Ana Lestón.

Estas dúbidas cobran especial relevancia cando Rueda anuncia tamén a simplificación das autorizacións para facilitar a intervención das mutuas nos procesos de incapacidade temporal. Para a CIG-Saúde, esta política responde a unha estratexia que favorece a entrada de entidades privadas na atención de enfermidades comúns, en lugar de reforzar a capacidade asistencial do sistema sanitario público.

Especialmente grave é que a Xunta inclúa a depresión e a ansiedade entre os trastornos que denomina “psiquiatría menor”. Unha expresión que “evidencia o desleixo e o descoñecemento con que o Goberno galego aborda problemas de saúde mental que poden ter consecuencias moi graves para as persoas que os padecen”, critica Lestón.

UGT avala unha política que reforza o papel das mutuas

A CIG-Saúde critica o papel de UGT, único sindicato que avalou coa Xunta e a patronal este plan, mentres a CIG o rexeitou, promoveu mobilizacións e presentou un recurso xudicial diante do TSXG.

Resulta inadmisíbel que unha organización sindical dea cobertura a un acordo que amplía a intervención das mutuas nas baixas médicas, en lugar de reclamar os recursos necesarios para garantir unha atención sanitaria pública de calidade.

Esta política coincide co discurso de Alberto Núñez Feijóo, que chegou a cuestionar o dereito das persoas de baixa médica a percibir o salario íntegro.

A CIG-Saúde cuestiona tamén o papel que se lles está dando ás mutuas e que se utilicen para controlar as baixas das persoas traballadoras “pero non para esixir responsabilidades ás empresas que incumpren as súas obrigas de prevención”.

Neste senso, salienta que moitas patoloxías musculo-esqueléticas e problemas de ansiedade están relacionados coas condicións laborais, as sobrecargas de traballo, os ritmos impostos e a presión empresarial. Porén, en lugar de actuar sobre estas causas, a Xunta centra os seus esforzos no control das persoas enfermas, criminalizándoas e pretendendo recortar os seus dereitos.

“Se Rueda quere mellorar a recuperación das persoas traballadoras, que reduza as listas de agarda, contrate máis persoal e garanta unha atención sanitaria pública de calidade”, asevera Lestón. “O que necesita a sanidade galega son máis recursos, non máis negocio para as mutuas”.

Por todo isto, a CIG esíxelle que a Xunta aclare a dependencia, os recursos e as funcións das novas unidades e reclama que se deteña a ampliación do papel das mutuas na asistencia sanitaria.