A Xunta pretende recorrer a sentenza do TSXG que a obriga a dar máscaras FPP2
A CIG Administración Autonómica denuncia a pretensión da Xunta de recorrer a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza que a obriga a dar máscaras FFP2. Xunto a isto asegura que tampouco actualizou a avaliación de riscos dos centros residenciais (de maiores, menores, discapacitados), centros de día e escolas infantís, da Consellaría de Política Social ao Risco III, polo que se incum preo que dispón a normativa europea, trasposta á do Estado Español.
Ante a pasividade da Xunta de Galiza de aplicar medidas preventivas axeitadas que protexan as persoas traballadoras e usuarias, a CIG tivo que recorrer ao xulgado despois de que a Administración desoíse os requirimentos da Inspección de Traballo e Seguridade Social. En Sentenza do TSXG ( CCO CONFLICTOS COLECTIVOS 0000007 /2021), o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar e o servizo de prevención alleo, MUGATRA CUALTIS, foron condenados a facilitar as máscaras ffp2 e a modificar a avaliación de riscos, respectivamente, tanto en centros de maiores como de escolas infantís.
As persoas usuarias de centros de maiores e menores, ou ben non usan máscaras, ou ben non as usan en todos o tempo da xornada. Momentos nos que tampouco se pode gardar a distancia de seguridade (aseos, dar de xantar, etc.)
Despois de observar como as vagas de contaxios prendían nos centros residenciais de Política Social, a pesar de estar vacinado tanto o persoal como as persoas usuarias, para a CIG-Administración Autonómica “é fácil concluír que non se están adoptando as medidas preventivas axeitadas”.
Por iso acusa á Xunta de ser “tan irresponsable que recorre unha Sentenza en materia de prevención de riscos laborais cando se está a comprobar que non se cumpren as medidas de protección da saúde que esixe Inspección de Traballo, non se adecuaron protocolos e avaliacións de risco ao nivel de Risco III e non se lles proporcionou aos cadros de persoal as máscaras ffp2 de protección respiratoria”.
Xunto a isto alerta de que “cando se fala dunha terceira dose das vacinas e sufrimos unha 5º vaga de contaxios nos nosos centros, a Xunta, nunha conduta temeraria, non só mira para outro lado na aplicación das medidas preventivas senón que desobedece ou recorre ás que lle instan a aplicar tanto a autoridade laboral como a xudicial”.