A veciñanza de Chapela bótase á rúa en apoio da loita do persoal de Pescanova
Centos e centos de veciños da parroquia redondelá de Chapela saíron á rúa este venres para amosar o seu apoio á loita do persoal de Pescanova, que dende hai máis dun ano reclama uns convenios colectivos dignos na empresa de alimentación. A manifestación, convocada pola CIG, CUT, UGT e USO e que contou co apoio duns 30 colectivos veciñais, sociais, deportivos e culturais da localidade, rematou coa lectura dun manifesto diante das instalacións centrais da compañía.
Á cabeza da marcha, que arrincou das Catro Pontes pouco despois das oito da tarde, membros do comité de empresa portaban a faixa principal, na que se podía ler o lema da convocatoria: “Pescanova somos tod@s”. A continuación camiñaban traballadores/as, veciños e representantes das numerosas organizacións que amosaron o seu apoio público á mobilización. Durante o percorrido, que rematou unha hora máis tarde ás portas da fábrica, berráronse consignas como “Este conflito ímolo gañar”, “Pescanova somos todos”, “Dirección dimisión” e “Convenio digno en Pescanova”.
A solidariedade da veciñanza e da hostalería local foi visíbel ao longo de todo o traxecto, como moitas persoas que aplaudían ao paso da manifestación e con establecementos que tiñan pendurados cartaces de apoio ás reivindicacións dos empregados/as, conscientes da importancia da empresa para a economía local. Este idea estivo presente tamén no manifesto final, no que se salientou a vinculación histórica da compañía coa parroquia e se lembrou que foron os traballadores/as os que levantaron a empresa “botándonos horas ao lombo”.
As negociacións retómanse o mércores
Por outra banda, dende as centrais convocantes da marcha explicaron que este luns 24 deberán entregarlle unha nova proposta de convenio á mediación laboral, que o mércores citará ás partes para retomar unhas negociacións que se manteñen bloqueadas ante as diferenzas en cuestións como as categorías de nova entrada na empresa, os salarios e a flexibilidade de xornada.