A veciñanza das Pontes súmase á asemblea popular convocada polas auxiliares de Endesa
Veciños e veciñas das Pontes sumáronse este luns á asemblea popular convocada para explicar as consecuencias laborais e económicas que a parada da central de Endesa ten para a comarca. Este acto foi a antesala dun denso calendario de mobilizacións que culminará o 19 de setembro, data na que o persoal das auxiliares está chamado a secundar unha xornada de folga. Antes, o día 13, concentraranse diante da Xunta, en Compostela e o 16 de setembro, o colectivo levará as súas protestas até a Delegación do Goberno na Coruña, onde fará unha concentración ao mediodía.
Segundo explicou o representante da CIG das Pontes, Alberte Amado, coa asemblea popular pretendíase achegar información aos veciños e veciñas das Pontes sobre o alcance da situación, porque “máis alá de que estea parada a central entendemos que este é un tema que viu para quedar”.
De feito, o persoal cre que o ritmo de produción non volverá ser o que houbo e, por iso, para a CIG a cuestión é saber cal vai ser a implicación de Endesa nese contexto e cales son as súas previsións para garantir o emprego mais tamén o futuro da economía local e comarcal.
Nese sentido Amado subliñou que iso permitiría centrar as demandas porque “non pode ser que nós pidamos, no ámbito político, algunha medida para que se reactive a actividade e que Endesa non se comprometa tamén a -no proceso de descarbonización, que o goberno taxa en 2030- buscar alternativas para a localidade, tanto no que é o emprego como no plano económico”.