A unha década da última folga xeral. Ensinanzas.

Manuel Mera - 30 Nov 2022

Estaremos agora diante do inicio dun novo período de grandes loitas laborais e sociais, malia que se utilice a guerra entre Rusia e Ucraína+OTAN+G7, como unha árbore para que non se vexa o bosque da crise sistémica, da etapa senil do capitalismo?

 A folga do 14 de novembro de 2012 foi o último paro nacional que se realizou. Facía daquela nun artigo balance da xornada, no que dicía: “foi un éxito na Galiza, mesmo superiores ás mobilizacións doutras partes do Estado cun maior peso demográfico e industrial e unha poboación menos envellecida. Convén lembrar que as marchas foron pola mañá en horario laboral, e aínda así axuntaron medio millón de persoas, o que amosa ademais a importancia do paro nas empresas. Mesmo os datos da policía local, que rebaixa a 300.000 os/as participantes, non pode agochar o carácter xigantesco dunha protesta que ateigou as rúas de 11 cidades e vilas no país”.

 E engadía respecto das razóns deste éxito mobilizador: “Hai que considerar polo tanto o 14-N como un pulo cualitativo na confrontación entre o traballo e o capital (...) Non tería sido posíbel o éxito da folga e as inmensas manifestacións se non fose porque unha parte moi grande da sociedade, que aínda confiaba nunha rápida volta ao ficticio auxe neoliberal, comprendeu que ese retorno xa non é realizábel e que ademais non existen saídas para as clases populares senón é pola vía da loita e un cambio na correlación de forzas (...) marchas convocadas pola CIG, CCOO e UGT, co apoio dunhas 60 organizacións sociais de todos os ámbitos (...) Destacou sobre todo a asistencia da mocidade e de familias de media idade; ou sexa, o sector máis dinámico da sociedade. Ademais, non se pode ignorar que o paro foi total na industria e na construción, amosando que a clase obreira segue sendo a vangarda na loita social (...) Outro dos aspectos positivos desta convocatoria é que tivo un carácter internacional, atinxindo varios estados da Unión Europea”.

 Lembremos o contexto, presidía o Goberno Mariano Rajoy, do PP, este impulsou unha regresiva reforma laboral, que o 28 de xuño dese ano pasou o trámite definitivo no Congreso. Esta contrarreforma restou dereitos fundamentais á clase traballadora. Non só atinxía aos traballadores e traballadoras de nova incorporación (mocidade), ou a aqueles con baixos ingresos (mulleres), senón que outorgou á patronal mecanismos para o despedimento rápido e barato de calquera empregado, xa que se alargaban as “causas obxectivas” a calquera suposto, por exemplo, menos beneficios ou redución de vendas na empresa nos últimos tres trimestres (neste caso a indemnización sería de 20 días por ano traballado até un máximo dunha anualidade, ademais, nas empresas con menos de 25 empregados o FOGASA pagaría o 40% do custo).

 Dicía respecto deste retroceso nas condicións laborais: “A reforma é unha franquicia para o despedimento, que sen dúbida ningunha será utilizada especialmente contra aqueles que teñen mellores condicións laborais, e tamén contra os sectores que posúen maior conciencia de clase (...). Todo indica que foi este aspecto o que causou a oposición daquelas centrais de ámbito estatal, que desde os Pactos da Moncloa fan do “diálogo social” co capital a súa liña de actuación. Lembremos que pactaron unha e outra vez coa patronal e o Goberno mesmo sacrificando os sectores máis precarizados da clase traballadora, co argumento de que non había condicións para impedir retrocesos e que o acordo era “o mal menor”.

 Outro dos aspectos da reforma laboral de Rajoy era a imposición da desregulación horaria, permitindo que a empresa decidise ao seu antollo o 10% da xornada laboral. Outro paso atrás era a modificación que limitaba o tempo para a negociación dun convenio vencido, ao fixar a ultraactividade nun ano, polo que en caso de non existir acordo, o sector ou empresa ficaría despois dese período sen convenio colectivo. Completábase este último aspecto regresivo dándolles prioridade aos convenios de empresa, mesmo cando tiñan condicións laborais inferiores, o que  creou un marco axeitado para que se impuxeran alí onde a forza sindical era inexistente ou feble.

 Agora ben, para alén das razóns da protesta, que eran importantes, o que parecía naquel intre un cambio estratéxico da CCOO e UGT, forzados pola oposición do movemento obreiro, amosouse en pouco tempo como unha actitude conxuntural, oportunista, para non chocar de fronte co estado de ánimo da clase traballadora. Porén, o destacábel neste momento é que, a diferenza de etapas anteriores nas que se combinaba períodos de confrontación coa negociación pasiva como estratexia, dende entón mesmo a mobilización decorativa das centrais sistémicas (CCOO e UGT) foi perdendo importancia nas negociación coa patronal, buscando sobre todo a complicidade cos gobernos no poder, fosen do PSOE ou do PP. Ou sexa: asumindo o papel de intermediarios como tarefa determinante da súa práctica sindical. Unha actitude que foi restando a estas centrais capacidade mobilizadora nas accións reivindicativas que condicionan as regras e obxectivos impostos polo sistema, como se amosa neste intre. E non é un déficit pequeno, xa que isto ten unha incidencia negativa nunha parte da clase traballadora galega, e dá pulo a unha actitude moi prepotente da patronal, e da dereita política, e debilita o reformismo capado da socialdemocracia liberal.

 Resulta rechamante na historia do movemento obreiro galego que despois das folgas de 1972, na próxima década tivesen seu punto álxido en 1984, na seguinte en 1992-1994, despois en 2001-2002, e por último en 2010-1012, período este no que houbo catro paros xerais. Ou sexa houbo períodos de retroceso na mobilización estratéxica e unha maduración e acumulación progresiva dun novo salto adiante na loita de clases, xa que a conflitividade laboral non desapareceu. En todos estes procesos a CIG (ou INTG-CXTG) estivo na vangarda, mesmo convocando folgas xerais en solitario, por exemplo o 14 de febreiro de 1984, ou o 29 de outubro de 2010.

 Agora ben, a pregunta importante neste intre, tendo en conta estes antecedentes e a morea de conflitos laborais, a perda do poder adquisitivo dos salarios e a falta de medios nos servizos públicos básicos, é: estaremos agora diante do inicio dun novo período de grandes loitas laborais e sociais, malia que se utilice a guerra entre Rusia e Ucraína+OTAN+G7, como unha árbore para que non se vexa o bosque da crise sistémica, da etapa senil do capitalismo? As fortes mobilizacións en Francia, Grecia, Bélxica, Chequia, Reino Unido, Alemaña, Portugal... así o parecen indicar. Tamén o aumento dos conflitos en Galiza.

 As folgas e mobilizacións do 2010-2012 son un referente próximo para unha gran parte da clase traballadora das que se poden tirar experiencias positivas e algunha negativa, como a postura de CCOO e UGT ao principio e ao final do proceso. Tamén hai cambios na composición da vangarda; a miña impresión é que hoxe as traballadoras teñen un papel cada vez máis destacado na participación e protagonismo das loitas da clase, e isto representa un salto cualitativo esencial para o movemento obreiro.

 

[Galiza, 30 de novembro de 2022]

https://obloguedemera.wordpress.com/