A TVG prescinde da súa unidade de directos e mantén o servizo subcontratado con Overon por máis de 1 millón €
A Dirección do ente público comunicou o pasado 10 de febreiro ao Comité de empresa que a única estación transportábel de directos propia “non está en uso desde o 1 de xaneiro, sen que o destino ou a asignación de novas funcionalidades se teña determinado polo momento”, segundo informa a sección sindical da CIG na CRTVG.
Actualmente só están a traballar para a TVG dúas unidades de directos, subcontratadas a Overon, xunto cunha vía de reserva por mochila 4G e o segmento espacial asociado, por un importe que supera o millón de euros. En marzo de 2022 a dirección da Corporación prorrogou o contrato coa filial do grupo Mediapro con data de inicio o 1 de xullo de 2022 e até o 30 de xuño de 2023.
A unidade da TVG, operativa desde o ano 2011, foi renovada en 2019 cun investimento de arredor de 20 mil euros nun codificador novo de dúas vía, outros 8 mil euros en 2021 nunha actualización de oito audios e 4 mil euros en mecánica do vehículo en 2022. Un total de 32 mil euros empregados nun servizo que agora se suprime, cando se acaba de actualizar para funcionar en HD.
A sección sindical da CIG sinala ao respecto que a Lei de Contratos do Sector Público, no seu artigo 116.4, dispón que na contratación de servizos os expedientes deberán xustificar axeitadamente o informe de insuficiencia de medios. “Neste documento teñen de se expoñer as circunstancias polas que as empresas públicas non poden realizar un determinado servizo cos seus propios medios e precisan de recorrer á contratación externa”, explica a CIG.
Desmantelamento progresivo
Aténdose a esta norma, “costa entender que a dirección da CRTVG optase por suprimir a súa propia unidade de directos, na que recentemente investiu tantos cartos, en vez de reducir o custo do contrato con Overon, prescindindo dunha das súas estacións transportábeis”.
Unha medida que “non se sostén da perspectiva dunha xestión eficiente dos recursos públicos” e que a CIG encadra “no contexto do desmantelamento progresivo do servizo público de radiotelevisión que a dirección da CRTVG ven aplicando desde o acceso de Sánchez Izquierdo á Dirección Xeral no ano 2009”.
A CIG tampouco descarta que na decisión empresarial “puidese ter influído o feito de o actual Subdirector de Medios da CRTVG ocupar, entre xuño de 2016 e marzo de 2021, a Dirección Comercial de Overon”.
Ademais, a CIG lembra que a produción e distribución de novas en directo afecta a funcións relacionadas cos dereitos fundamentais a comunicar e recibir libremente información veraz. “A xestión externalizada dese servizo supón que as persoas traballadoras encargadas de elaborar os contidos informativos deixan de ter a consideración de empregados públicos, coa conseguinte desafección das obrigas legais impostas a estes últimos en relación coa defensa do interese xeral e co deber de actuar consonte aos principios éticos e de conduta regulados no Estatuto Básico do Empregado Público”.
Nestas circunstancias, a CIG reclama a xestión directa da prestación do servizo, “o que pasa por recuperar a funcionalidade da unidade transportábel da CRTVG e rematar coa subcontratación das estacións de Overon, o que suporía un aforro para as arcas públicas de alomenos uns 860 mil euros”, conclúe.