A totalidade do persoal de Nueva Pescanova secunda o primeiro día de folga polo bloqueo do convenio
O 100% do cadro de persoal de Nueva Pescanova secundou o primeiro dos dous días de folga convocados polas centrais CIG, CUT, UGT e USO para reclamar uns convenios colectivos dignos e rexeitar a precarización laboral. Coincidindo co paro, centos de empregados/as concentráronse dende primeira hora da mañá ás portas dos centros de traballo de elaboración e frigoríficos que o grupo de alimentación ten no Porriño e Chapela.
A totalidade dos traballadores/as de Nueva Pescanova secundaron a primeira das dúas xornadas de folga convocadas polos sindicatos maioritarios na empresa (CIG, CUT, UGT e USO) para rexeitar o bloqueo das negociacións do convenio e reclamar unhas condicións laborais dignas. O persoal da compañía de alimentación permaneceu dende as 5.30 horas concentrado diante dos centros de traballo que a empresa ten no Porriño e Chapela.
Tras comprobar que ningún traballador/a intentou acceder ao interior da fábrica, os empregados/as abandonaron a concentración durante unhas horas e regresaron ás portas da empresa ás 13.30 horas, para que a súa presenza coincidise coa entrada da quenda de tarde, e ás 21.30 horas, xa que media hora despois comeza a quenda de noite.
As mobilizacións da mañá estiveron vixiladas por un importante despregue da Policía española, especialmente nas inmediacións da fábrica de Chapela, á que unicamente accedeu persoal de oficinas. Neste punto concentráronse a mioría dos traballadores/as, que mesmo depregaron unha faixa e berraron consignas. No caso do Porriño a presenza de axentes -neste caso da Garda Civil- foi moito menor.
O seguinte día de paro está fixado para o vindeiro martes 21, mentres que a intención das centrais sindicais é que a partir do 3 de abril pase a ser indefinido no caso de que non se chegue a un acordo para a renovación dun convenio colectivo que as partes negocian dende hai xa máis de 10 meses.
Mostras de apoio e solidariedade
A loita do persoal de Pescanova recibiu hoxe o apoio de distintos comités de empresa, seccións sindicais e representantes sindicais. Entre eles, do sector da conserva como Thenaisie, A. Alonso, Cerqueira, Orbe e Varcárcel; da industria de elaboración, como Fandiscosta e Mascato; ou do frío industrial, como Frigoríficos de Vigo, Frioya e Stef.
Ao mesmo tempo, as seccións sindicais da CIG en Frigolouro, Telefónica, Vitrasa, Maderas Iglesias, Covsa e Unísono, empresas que agrupan a máis de 2000 traballadores/as, solidarízanse co cadro de persoal de Pescanova e póñense á súa disposición para a próxima convocatoria de folga.