A terceira xornada de folga nas ambulancias volve rexistrar un amplo seguimento en toda Galiza
O terceiro día de folga no sector das ambulancias está seguindo a tónica das dúas xornada anteriores e rexistra un seguimento de practicamente o 100% do persoal, a pesar dos abusivos servizos mínimos decretados pola Consellaría de Sanidade que na práctica impiden a boa parte dos traballadores e traballadoras exercer o seu dereito fundamental á folga. Para dar máis visibilidade ás súas demandas, o persoal realizou concentracións nos hospitais de referencia nas que esixiu a patronal que sente negociar o convenio colectivo.
En Vilagarcía, a concentración contou co apoio de delegados e delegadas da CIG doutros sectores que previamente participaran na asemblea preparatoria da xornada de mobilizacións que a central sindical ten convocada para o 19 de xuño.
Precarizar o convenio
O responsábel de Transportes da CIG, Xesús Pastoriza, denunciou a teimosía da patronal que non só se nega a asumir ningunha mellora no novo convenio colectivo, senón que mesmo pretende precarizar as condicións e impor rebaixas salariais "recortando diferentes conceptos económicos". Ao bloqueo da negociación colectiva, engade, súmanse as pretensións de varias empresas que solicitaron a inaplicación do convenio e unha rebaixa salarial de até o 25%, algo que cualifica de "auténtica barbaridade".
Sobrecarga de traballo e incumprimentos
Fronte ao deterioro que busca a patronal, na plataforma de convenio reivindícase un incremento salarial, a incorporación da terceira paga extraordinaria, a limitación da contratación en prácticas e a transformación deste persoal en indefinido, a loita contra o exceso de carga de traballo mediante a desaparición das horas extraordinarias, ou melloras en materia de prevención de riscos laborais.
No tocante á contratación, Pastoriza alertou da precarización que se dá no sector xa que as empresas están a utilizar os contratos en prácticas para cubrir os cadros de persoal de maneira barata. "Os traballadores/as con estes contratos cobran un 60% do salario durante o primeiro ano e o 75% no segundo, pero traballan o 100% da xornada como calquera dos seus compañeiros e compañeiras. Esta situación haina que controlar", asevera.
Xunto a isto explica que se está a producir un exceso de carga de traballo, xa que nos dous últimos anos aumentaron os servizos a realizar nun 20%, pero esta maior actividade non foi acompañada dun incremento do número de ambulancias nin dos cadros de persoal. "Que existe sobrecarga de traballo queda demostrado polo feito de que hai empresas que rexistran até un 13% de baixa anuais do persoal, por lesións derivadas do seu traballo, e estamos falando dun sector cun media de idade que non chega aos corenta anos".
A maiores, o responsábel de Transportes da CIG sinalou que as empresas tampouco cumpren coas súas obrigas en aspectos tan básicos como hixienizar de ambulancias ou a limpeza da roupa de traballo, a pesar dos riscos biolóxicos. A CIG ten presentado diversas denuncias na Inspección de Traballo e mesmo no xulgado para que se obrigue ás adxudicatarias dos contratos a cumprir coa legalidade vixente.
A Consellaría de Sanidade segue desaparecida
Pastoriza destacou tamén o amplo seguimento que está a ter a folga, tendo en conta os abusivos servizos mínimos impostos por Sanidade, que obrigan a acudir a traballar ao 75% do persoal. A CIG presentou recurso contra o decreto da administración por entender que vulneran o dereito fundamental á folga.
A este respecto, o sindicalista criticou tamén que o SERGAS impoña estes "servizos máximos" ao tempo que se desentende da situación dos traballadores e traballadoras do sector. "Dende a CIG, que ten a maioría da representación no sector, levamos dous anos solicitándolle reunións e que interveña no conflito, tanto para obrigar a patronal a negociar o convenio como para facer cumprir o estabelecido nos contratos. Porén, até agora só nos recibiu nunha ocasión e sen resultado ningún", lamenta.
Neste senso, Xesús Pastoriza acusa a Xunta de ser a primeira culpábel desta situación "porque consentiu en adxudicar contratos a empresas que presentaron ofertas por debaixo de convenio e que agora pretenden trasladar o custe do servizo ao seu persoal". Ademais, censurou que nos concursos do transporte urxente e do non urxente, o Goberno do PP volvera primar os criterios economicistas fronte á prestación dun servizo de calidade.
O xoves día 7 continúa a folga
Así as cousas, a folga continuará na xornada de mañá, xoves 7 de xuño. De non producírense avances, xa están previstas dous días máis de folga para o mes de xullo e folga indefinida a partir de setembro.
Apercibimentos ao persoal
No decurso das concentracións, a FGAMT-CIG de Compostela denunciou que nesa área sanitaria estanse entregando cartas de sanción por tempos no traballo que non son sancionábeis para amedrentar o persoal e que cos traballadores/as do transporte programado, que traen os traslados hospitalarios, altas dos hospitais e citas médicas, está habendo un conflito co hospital respecto de se deben ou non andar por dentro do hospital.
“Nós dicimos que non”, sinala Inácio Pavón. De feito, segundo denuncia, esta semana chegaron unha chea de apercibimentos tamén por esta cuestión.
Un problema similar estase dando no transporte sanitario non urxente do Salnés que acordou deixar de trasladar os pacientes e usuarios/as dende os vehículos até o interior do hospital comarcal para distribuílos/as nas distintas consultas, departamentos ou servizos. Neste senso, Xabier Aboi denunciaba hai uns días en rolda de prensa que o Sergas pretende suplir a carencia de celadores/as no centro sanitario" obrigando a estes/as traballadores/as a asumir unha función para a que non recibiron formación específica, poñendo mesmo en perigo a saúde das persoas que transportan".