A terceira semana de folga no almacén de Lidl continúa rexistrando un seguimento do 100%
As traballadoras e os traballadores do almacén de Lidl de Narón están en folga indefinida dende o pasado 18 de febreiro para demandarlle á empresa que cumpra co convenio colectivo, reforce o cadro de persoal para evitar o abuso na realización de horas extraordinarias e pola mellora das condicións laborais. Malia o seguimento total que ten a folga, a paralización da actividade no almacén e as consecuencias que isto ten para o abastecemento de produtos nas tendas, Lidel mantén unha postura de total mutismo e non fixo nin un só movemento para resolver o conflito.
Esta falta de interese, xunto aos intentos de boicotear a folga, lonxe de desanimar os traballadores e as traballadoras aínda lles da máis forza para continuar adiante coa loita e manter unha folga que xa cumpriu a súa terceira semana.
Este xoves, para visibilizar nas rúas o conflito, o persoal realizou unha caravana de vehículos que partiu do almacén situado no Polígono do Río do Pozo, percorreu parte de Ferrol e rematou, unha hora e media despois, diante do supermercado que a empresa ten no Polígono da Gándara.
Alí, o persoal concentrouse ás portas do Lidl reclamando o cumprimento do convenio e para explicarlle á clientela cales son as razóns que levaron á convocatoria desta folga. Cristina Martínez Padín, da CIG-Servizos de Ferrol, explica que dende o inicio do paro indefinido, a dirección non mantivo ningún contacto co comité para tentar chegar a un acordo.
Ao contrario, nun primeiro momento a empresa pretendeu dinamitar a folga con prácticas de esquirolaxe no centro de traballo, que foron denunciadas na Inspección de Traballo, e agora trata de minimizar os efectos do paro traendo produtos ás tendas dende outros almacéns loxísticos, como o do País Vasco.
Cumprir co convenio propio
Para Martínez Padín o mutismo de Lidl resulta incomprensíbel e acusa a empresa de querer prolongar o conflito de maneira innecesaria en lugar de sentar a negociar coa representación do persoal. Neste senso, subliña que a principal reclamación dos traballadores e das traballadoras non é outra que Lidl cumpra co seu propio convenio colectivo.
Isto, apunta, para por reforzar o cadro de persoal e ampliar as xornadas parciais, para poder atender así a carga de traballo que existe no almacén e evitar que o persoal que xa fai 40 horas á semana supere por sistema o límite máximo de horas extraordinarias anuais estabelecido no ET.
Ante a negativa patronal a atender as demandas sociais, o persoal mantén firme a súa loita e continuará adiante coa folga e as mobilizacións até conseguir que se respecten os seus dereitos laborais.