
A terceira agresión en pouco tempo a persoal da área sanitaria viguesa obriga a unha nova resposta da xunta de persoal

A terceira agresión rexistrada a persoal da área sanitaria viguesa en poucas semanas obriga a xunta de persoal a convocar unha nova mobilización para reclamar a adopción de medidas preventivas urxentes. A concentración terá lugar este xoves 8 de maio diante do PAC de Vigo ás 14:30 horas.
Dende a xunta de persoal explican que o pasado sábado 26 de abril tres traballadoras foron vítimas dunha agresión durante a xornada de traballo neste dispositivo de urxencias de Atención Primaria. A agresión -na que unha das integrantes do corpo de persoal de servizos xerais do centro levou a peor parte- produciuse ante a discrepancia na indicación de que non está permitido o acceso aos centros sanitarios con patinetes. E isto aconteceu a pesar de que esta orde, que esta en vigor dende hai meses, conta con carteis indicando a prohibición.
Dende a xunta de persoal queren trasladarlle a súa solidariedade ás traballadoras afectadas e ao persoal do PAC de Vigo, centro con alta incidencia de agresións. “Son numerosas as ocasións nas que temos solicitado que se tomen medidas preventivas nun PAC que até hai poucos anos contou con seguridade privada, que foi retirada malia as reclamacións das persoas traballadoras e da xunta de persoal”, sinalan.
En consecuencia, reclaman unha vez máis que a Xerencia da área sanitaria se comprometa a tomar medidas preventivas e de protección urxentes e concretas. “Solicitamos que se realice unha análise en profundidade das causas e que se adopten accións sobre a orixe das mesmas para poder ter unha actitude preventiva real, e demandamos novamente que se valore a incorporación de seguridade privada nos centros con máis problemática”.
Finalmente, lémbranlle ás persoas traballadoras a importancia de comunicar as agresións polos mecanismos establecidos, quedando a disposición en caso de precisar información das canles a seguir. “Porque ante as agresións na sanidade, tolerancia cero”.