A tendencia do funcionariado de MUFACE en Galiza apunta cara a sanidade pública

As recentes incorporacións de funcionariado docente, xunto co avellentamento xeral das persoas mutualistas, axudan a entender a chantaxe das aseguradoras médicas
Nacional - 16 Dec 2024

O retrato do colectivo de mutualistas de MUFACE en Galiza, que se pode tirar dun informe feito público no día de hoxe pola CIG, a partir de datos solicitados á Mutualidade, amosa unha realidade con claras evidencias dun cambio moi importante na elección da prestación sanitaria, cunha tendencia, reforzada nestes últimos anos, a elixir a prestación sanitaria pública. Nese informe tamén se evidencia un situación moi desigual entre os diferentes colectivos funcionariais que forman parte de MUFACE, cunha clara diferenza entre o profesorado, tanto no ensino non universitario como no universitario e o resto do funcionariado (administración xeral do Estado, Correos ou policía) así como o colectivo de persoas xubiladas.

Do informe, a central sindical maioritaria, tanto a nivel xeral en Galiza como no ámbito das administracións públicas, destacan as seguintes conclusións, que aínda estando centradas no país, son extrapolábeis ao conxunto do Estado.

 
  1. De entre todos os colectivos funcionariais, o docente, tanto de ensino universitario como non universitario, é o que ofrece uns maiores índices de elección da sanidade pública. No extremo oposto están os funcionarios policiais.
  2. Dentro do colectivo de mutualistas xubilados é moi maioritaria a elección de entidades privadas.
  3. As últimas incorporacións á función pública marcan unha tendencia moi clara de elección da sanidade pública: un 85,2% do profesorado que aprobou as oposicións en Galiza nos últimos catro anos (con datos de xaneiro de 2021) optaron polo SERGAS. No caso do conxunto do Estado esa porcentaxe é do 74,7%.
  4. A maioría do profesorado funcionario de carreira en Galiza opta xa pola sanidade pública, chegando ao 58,9%. Esa cifra chega ao 65% no caso do persoal docente e investigador das universidades públicas.
  5. Case tres cuartas partes do funcionariado de Correos e da administración xeral do estado (AXE) en Galiza opta pola prestación privada (72,4%), unha opción que chega ao 92,7% no caso da policía.
  6. O total de todo o funcionariado en activo en Galiza repártese case por igual entre as entidades privadas (49%) e o SERGAS (51%)
  7. Tendo en conta tamén ao colectivo de persoas xubiladas, no total de mutualistas obrigatorios de MUFACE en Galiza hai un 58,7% que opta polas entidades privadas e un 41,3% que o fai pola sanidade pública
  8. Incorporando as persoas beneficiarias (basicamente crianzas e parellas de mutualistas que non pertencen a ningún réxime de cotización) o total de mutualistas en Galiza (91.648) repártese entre o 58% (53.249) que ten prestación sanitaria privada e o 42% (38.399) que opta polo SERGAS.
  9. A evolución demográfica, cun avanzado avellentamento do funcionariado e especialmente das persoas mutualistas xubiladas, que conforman a parte principal das persoas que optan pola atención privada, xunto coa tendencia marcada nos últimos anos no colectivo do profesorado do ensino público que, en cifras absolutas máis mutualistas achega ao sistema, indica unha previsión que, de se manter nos próximos anos, aumentará a presión voraz das aseguradoras médicas.

A voracidade lucrativa das empresas aseguradoras non vai parar

A estratexia seguida nestes últimos meses polas empresas aseguradoras, co apoio de sindicatos e outros grupos de presión, non deixa lugar a dúbidas. Malia lle ser ofertada a maior suba (17%) en moitos anos, avanzan que non lles sae a conta e piden máis sen xustificar pormenorizadamente cales son as razóns dese incremento de prima que solicitan. MUFACE, por outra parte, xa anunciou a semana pasada que modificarán á alza a contía do concerto sanitario, elevando a prima vinculada ao avellentamento do funcionariado mutualista, o que apunta a un peche en falso, e só con carácter temporal, do conflito.

Esta e non outra é a raíz da cuestión: se tres de cada catro docentes de nova incorporación optaron pola sanidade pública no conxunto do Estado nos últimos catro anos, se hai un descenso importante da natalidade (outro fonte de ingresos que se limita ao reducir o número de novas persoas beneficiarias) e só se manteñen altas porcentaxes de fidelidade nas empresas privadas en colectivos que, sendo numericamente relevantes no conxunto estatal, son porcentualmente moi minoritarios (entre funcionariado da AXE, Correos e policía só representan un 22%) mentres a inmensa maioría das persoas xubiladas manteñen tamén a prestación privada está claro que o lucro para entidades como ADESLAS, ASISA ou DKV non as vai satisfacer.

Máis alá do futuro inmediato, caso de que finalmente se manteña a prestación privada, a previsión será a da tensión permanente cada vez que se renove o concerto porque, de se manter a tendencia actual, as cifras probabelmente reforcen a opción pola pública. Isto, para a CIG, debería levar á reflexión ao goberno estatal e aos autonómicos sobre o futuro dun sistema que, de se manter, só será a base de sangrar os recursos públicos e sen ningunha garantía de continuidade.

O comportamento mesquiño das entidades privadas nestas últimas semanas, empregando como reféns a miles de mutualistas, chegou ao envío de cartas que non buscaban máis que actuar como mecanismo de presión mentres denegaban citas e probas diagnósticas. Por iso chama poderosamente a atención que publicamente, e máis desde o ámbito sindical, se defenda estas empresas. Esta actitude súmase ao que vén sendo habitual en casos de enfermidades graves que requiren un gasto importante e nos que en numerosas ocasións hai que reclamar para que as entidades privadas se fagan cargo da súa responsabilidade e que, na maioría dos casos, remata co funcionariado fuxindo á sanidade pública.

A CIG reafirma a súa aposta pola sanidade pública e demanda o mantemento dos dereitos dos e das empregadas públicas

Como xa expuxo en reiteradas ocasións no Consello Xeral de MUFACE, a última logo da reunión do pasado 7 de novembro, a CIG considera con rotundidade que o sistema público de saúde é a mellor opción, algo que á vista do informe feito público agora, cada vez é asumido por un maior número de mutualistas.

Con todo, non se pode obviar o momento no que estamos, con miles de persoas afectadas polo ánimo de lucro das entidades privadas e pola incerteza do goberno estatal, carente a día de hoxe dunha visión a longo prazo de cara onde debe camiñar MUFACE e, en concreto, a atención sanitaria que presta.

De aí que desde o sindicato insistamos que a posibilidade do paso de todo o funcionariado ao sistema público non pode ser realizado con improvisación e sen garantir os dereitos do persoal funcionario nin este pode provocar maiores tensións das que actualmente sofre o sistema público. Debe existir un plan transitorio para estudar esa posibilidade e cun incremento de fondos públicos con carácter finalista para o SERGAS e as outras entidades públicas autonómicas que garanta que se destine a unha maior dotación de profesionais sanitarios e de medios que reforcen unha sanidade pública que, sendo a que maior garantía ofrece, non pode seguir sendo vítima de políticas de recortes e falta de impulso como acontece coa actuación do PP á fronte da Xunta.

Se, como resultado da polémica actual, o goberno estatal mantén o sistema dual, sen fixar un control rigoroso sobre as empresas privadas, viviremos un novo capítulo do que levamos vendo desde hai anos: redución de cadros médicos nas entidades privadas, derivación á pública en casos graves, empeoramento da atención, provocando que o incremento que poidan obter as aseguradoras vaia para o seu lucro empresarial e non para as persoas usuarias do servizo.

A falsidade das comparativas do gasto sanitario público-privado

Ao fío da polémica actual téñense feito determinadas declaracións por parte do lobby empresarial e de quen o defende sobre o menor custe que implica a sanidade privada sobre a pública. Eses datos son totalmente inexactos e xogan con trampas. Así, debe terse presente que no cómputo do gasto sanitario hai unha parte que nunca asumen as aseguradoras privadas: o farmacéutico. As únicas medicinas que van ao cargo das aseguradoras son as de atención hospitalaria. Ademais, no gasto sanitario público tamén computa toda a medicina preventiva (todos os cribados tipo canceríxenos, enfermidades infecciosas...; campañas de vacinas infantís, gripes, covid…. Lembremos, sen ir máis lonxe, que toda a atención preventiva durante a pandemia correu a cargo da sanidade pública.

Por outro lado, tamén se distorsiona a realidade se non se ten en conta o “convenio rural”, polo cal todas as persoas mutualistas que teñen prestación privada e viven en concellos de menos de 20.000 habitantes fan uso habitual dos centros de saúde do SERGAS, grazas ao convenio asinado entre ambas entidades. Por tanto, á hora de contemplar o efecto na atención primaria do traslado de mutualistas de entidades privadas ao SERGAS debe terse en conta que uso se vén facendo xa da rede sanitaria pública.

Dereitos sociais garantidos

MUFACE ten dentro dos seus cometidos non só a prestación sanitaria senón tamén axudas de carácter social e sociosanitario. Actúa neste sentido como un fondo de acción social como o que existe en case todas as administracións e en moitas empresas. Desde axudas por xubilación, falecemento ou sepelio até prestación por parto múltiple ou toda a xestión de subsidios de baixas médicas superiores a tres meses.

O mantemento de todas estas axudas e dereitos debe ficar claramente fóra do debate actual sobre a prestación sanitaria e deben garantirse, por tanto e como mínimo, os fondos destinados actualmente. Neste sentido, a CIG leva anos reclamando a recuperación dos recortes que tamén se aplicaron en MUFACE na década pasada e que nunca se recuperaron.