A segunda xornada de folga na recollida do lixo de Carballo volve rexistrar un seguimento total
A segunda xornada de folga no recollida do lixo de Carballo está rexistrando un seguimento do 100%, xa que só entrou traballar aquel persoal designado como servizos mínimos. A folga desenvólvese dende ás 22:30 horas de onte, xoves, até ás 15:00 horas deste venres, atinxindo as dúas quendas de traballo. Ao igual que no primeiro día de paro, o piquete informativo permanece diante das instalacións da UTE Carballo (integrada por Urbaser SA e Servicios Gallegos de Lacería SL) ante as vulneracións dos dereitos dos traballadores e das traballadoras que se están a detectar.
A este respecto Martín Caamaño, responsábel da CIG de Carballo, informa que se vén de presentar denuncia na Inspección de Traballo contra a UTE por esquirolaxe, xa que Urbaser SA ordenou a dous traballadores que non pertencen ao servizo de recollida de lixo realizar tarefas que son propias do persoal da UTE, como o mantemento e limpeza dos camións.
"Estes traballadores, explica, están contratados pola mercantil Urbaser SA e non son persoal da UTE Carballo. Por este feito, en setembro do ano pasado xa denunciamos diante da Inspección que se está a dar unha cesión ilegal de traballadores. E agora, en pleno conflito polo convenio colectivo, vemos como Urbaser vulnera os dereitos fundamentais suplindo ao persoal da UTE con persoal alleo ao servizo".
Os servizos mínimos, sempre ás mesmas persoas
Ademais, o representante sindical xa avanzou que a CIG vai presentar demanda de tutela polos servizos mínimos ordenados pola empresa, posto que lles asignou a prestación deste servizos aos mesmos traballadores en todas as xornada de folga que hai convocadas. Cómpre lembrar que ao paro de hoxe seguiralle unha folga que se prolongará das 22:30 horas do domingo 23 até ás 13:05 horas do martes 25 de xuño.
"Con esta disposición dos servizos mínimos, a UTE está vulnerando o dereito fundamental á folga ao impedir que o grupo de traballadores asignado poida exercer o seu dereito en ningún dos días. O lóxico é que os servizos mínimos se designen de maneira rotatoria entre todo o persoal, para garantir que quen queira ir á folga poida facelo nalgún momento", valora.
A negociación, bloqueada pola empresa
Doutra banda, Caamaño explica que, a pesar do respaldo unánime dos traballadores/as á convocatoria, a empresa mantén o bloqueo das negociacións e non fixou aínda data para continuar coas reunións da mesa. O representante da CIG subliña que o único que está reclamando o persoal é ter unhas condicións salariais e laborais dignas, pois neste momento o persoal está cobrando o salario mínimo interprofesional.
Critica que a proposta da UTE Carballo "suporía que para este 2024 os soldos quedarían pouco máis de 20 euros mensuais por enriba do SMI", e rexeita a negativa da empresa a incluír tamén no convenio outras melloras como un complemento de IT do 100% no caso das baixas por accidente e nas continxencias comúns.
Fronte ás miserentas propostas da UTE, o persoal reclama unha suba xusta que aproxime os seus salarios aos que xa perciben os compañeiros e compañeiras deste sector en concellos de características similares a Carballo; que se garanta que todas as categorías están por enriba dos incrementos do SMI; e incluír no convenio unha cláusula de revisión salarial referenciada ao IPC real.