A segunda xornada de folga en Albada volve rexistrar un seguimento do 100% do persoal
A segunda xornada de folga na planta de Nostián volve rexistrar un seguimento do 100% do persoal e as instalacións teñen unha actividade mínima xa que só entraron traballar os servizos mínimos. Con esta contundente resposta o persoal evidencia que está farto de ter os soldos conxelados dende hai unha década e de perder dereitos ano tras ano. Por iso, reclámalle a Albada que sente negociar un convenio digno que lles permita manter o poder adquisitivo dos seus salarios e recuperar os dereitos que xa estaban recoñecidos no anterior convenio.
Malia este rotundo éxito, explica o presidente do comité, Hadrián Canosa, non se produciron movementos por parte da empresa que permitan desconvocar a xornada de folga prevista dende ás 22:00h do xoves 8 ás 22:00h do venres día 9. Para o próximo mércores, 14 de decembro, está convocada reunión da mesa do convenio "e agardamos que a empresa apareza cunha proposta seria que permita afrontar unha negociación real e avanzar nun acordo definitivo para o convenio".
O presidente do comité lembra que a parte social trasladou unha plataforma para o que sería o VI Convenio Colectivo da UTE Albada na que se propón recuperar todos os dereitos previos (licencias, fondo social, complementos por IT, pluses etc); así como un incremento das táboas salariais acordes aos incrementos do IPC. Pero Albada rexeitou a proposta na súa totalidade e pretende manter conxelados os salarios até 2028 (polo que a final de convenio o persoal levaría 16 anos cos soldos sen actualizar) e non recuperar ningún dos dereitos previos.
Por iso, Canosa xa avanzou que, en función do que pase na reunión do mércores, os traballadores e traballadoras decidirán en asemblea cales son as seguintes medidas a levar adiante, non descartando a convocatoria de máis xornadas de folga mesmo intensificando a súa duración.
Máis incerteza no novo prego
Sobre o estudo de viabilidade aprobado na Xunta de Goberno Local do luns, coincidindo co primeiro día de folga na planta de Nostián, Hadrián Canosa explicou que na reunión mantida coa concelleira de Medio Ambiente o pasado xoves "nada se nos dixo da existencia deste informe e a súa inminente aprobación". Polo que sae publicado nos medios de comunicación, este estudo económico implica, ademais, un cambio de modelo de xestión dos residuos "do que a concelleira tampouco nos indicou nada, dando por suposto que se mantería o modelo actual de xestión".
Diante deste movemento, o comité insta o Concello da Coruña a que lle dea traslado do informe económico e aclare que modelo quere para a planta de Nostián, así como poña enriba da mesa datas concretas para o remate e publicación do anteproxecto dos pregos de condicións. Posto que con esta actuación errática e de constante cambio "o único que está facendo o Goberno municipal é xerar máis incerteza entre o persoal". Porque como conclúe o presidente do comité, "non entendemos este maltrato que se nos dá por parte da empresa e do Concello da Coruña, traballamos no lixo, pero non somos lixo".