A sección sindical da CIG en Carrefour Lugo denuncia a "situación de caos" na xestión do hipermercado
A sección sindical da CIG en Carrefour Lugo denuncia "o caos na xestión do hipermercado", que está a xerar unha situación de estrés e frustración nos traballadores e traballadoras e provocando "unha deficiente atención á clientela".
Esta situación, explica a secretaria comarcal da CIG-Servizos de Lugo, Cristina López, tradúcese no día a día en longas colas nas caixas pola escaseza de persoal para atendelas; en atrasos nos labores pola falta de ferramentas, como é o caso dos tirapalets, que obriga ás empregadas e empregados a buscalo por toda a superficie da tenda para introducir as mercadorías; ou "deficiencias tan absurdas" como a ausencias de folios, o que obriga o persoal a percorrer media tenda para poder facer algo tan simple como unha nota ao/á cliente/a.
Desta caótica situación, explica, resulta damnificado o persoal e a clientela. Por unha banda, "os traballadores e traballadoras sofren a impotencia de non poder exercer eficientemente as súas funcións, co estrés e frustración que iso supón, porque lles resulta imposíbel dar o servizo adecuado ao cliente. E doutra banda os propios clientes padecen esta xestión caótica en forma de deficiente atención e innecesarias esperas".
Xestión do persoal "por whatsapp"
López subliña que a isto hai que engadirlle "unha nefasta xestión dos recursos humanos", que se plasman en situacións de máis de 150 cambios nos horarios do cadro de persoal nun período de dúas semanas. "Iso si, a xestión do persoal é moi dixitalizada, posto que se está a implantar un modelo a través do whatsapp, que é absolutamente irrespectuoso cos períodos non laborais e de descanso e lecer das traballadoras e traballadores".
Desde a sección sindical da CIG reclámase da dirección da empresa que de forma urxente adopte as medidas organizativas precisas para corrixir esta caótica xestión organizativa e de RRHH do hipermercado de Lugo.