A CIG defende a necesidade de seguir reclamándolle a Repsol compromisos de investimento na refinería
A sección sindical da CIG subliña a necesidade de continuar a esixirlle á empresa que faga os investimentos que precisa a refinería para adaptala aos cambios impostos pola Lei de Transición Enerxética e garantir así a súa viabilidade produtiva e o mantemento dos postos de traballo. Unha reivindicación que cobra máis importancia tras da sinatura do ERTE, á que se procedeu despois de que o persoal afectado así o acordara nun referendo.
A CIG, que asinou o ERTE acatando a decisión dos traballadores e traballadoras, considera esta regulación un despropósito tendo en conta que Repsol obtivo uns beneficios de 648 millóns de euros no primeiro trimestre. "Entendemos que non é de recibo a aplicación dun ERTE e que sexamos os e as de sempre quen paguemos os pratos rotos", aseveran.
Neste senso, a sección sindical considera que non se achegou a información suficiente a pesar de ser solicitada no período de consultas e que a empresa non foi quen de xustificar a necesidade de aplicar o ERTE. Ao tempo trasladan a súa preocupación polas condicións de seguridade da planta de Coque ao quedar ao mínimo de persoal, tendo en conta a duración do expediente.
Xunto a isto, advirten da falta de compromisos de Repsol para realizar os investimentos necesarios no complexo industrial e, polo tanto, non hai unha garantía real de emprego sustentada en investimentos que dean viabilidade á refinería.
A respecto do desenvolvemento do proceso, a representación da CIG critica as continuas inxerencias da empresa, filtrando información durante o período de consultas e intentando dirixir o resultado das votacións no referendo para decidir a sinatura ou rexeitamento do ERTE.
Con todo, a sección sindical valora como positivo abrir esta vía asemblearia e participativa para a tomar este tivo de decisións colectivas "xa que veñen tempos duros co Acordo Marco, a negociación do convenio etc. Esperemos que esta práctica perdure no tempo e que sexamos os traballadores e traballadoras quen decidamos sobre o noso futuro".