A sección sindical da CIG concéntrase no Gadis de Baio para denunciar o maltrato laboral que sofren as traballadoras

Zas - 09 Xul 2024

A sección sindical da CIG concentrouse este martes no supermercado que  empresa ten en Baio (Concello de Zas) para denunciar o maltrato que reciben as traballadoras e que está derivando en problemas de saúde, como ansiedade. A representación da CIG denuncia que a empresa é coñecedora desta situación pero que, lonxe de actuar para pórlle freo, está permitindo que siga pasando sen facer absolutamente nada.

Estes abusos están a provocar que haxa empregadas que saen chorando do traballo polas faltas de respecto e os berros constantes e que acaben enfermando a causa do maltrato laboral que teñen que soportar.

Neste sentido, Lucía Freire, representante da CIG-Servizos, lembra que se vén alertando desde diferentes instancias do deterioro da saúde mental ou da cada vez maior sobremedicación con ansiolíticos.

Denunciou que, porén, “non se está indo ás causas que son, en moitísimos casos laborais, pola precariedade, por ter que ir a traballar todos os días e ser pobre, porque estás malpagada, ou porque estás sufrindo situacións de presión e abuso intolerábeis”.

Por iso considera que alén da deficiente atención que se lle está dando á saúde mental “mentres non cambien as condicións laborais os problemas de saúde mental seguirán medrando, porque non é normal que ir traballar derive en problemas de ansiedade ou depresión, nin que teñas que ir ao teu posto atiborrada de pastillas”.

Unha situación diante da que concluíu que “é responsabilidade das empresas poñer todos os medios para garantir a saúde laboral e, neste caso concreto, de Gadis, que debe actuar para que o que agora están pasando as traballadoras non se repita”.