A sección sindical da CIG chama a continuar na loita para lograr que Repsol faga os investimentos necesarios
A sección sindical da CIG valora positivamente a noticia do levantamento do ERTE a partir do día 1 de setembro, que foi comunicada pola empresa na reunión mantida este martes na comisión de seguimento. Non obstante, lembran que a valoración global da CIG sobre este ERTE "non pode ser en ningún caso positiva, senón todo o contrario, moi negativa".
"A deriva de confrontación que emprendeu a nosa empresa na contra dos seus traballadores e traballadoras é, cando menos, vergoñenta e miserable", afirman. Por iso, a sección sindical pregúntase cal vai ser o seguinte paso de Repsol para eliminar dereitos de todas e todos os traballadores.
A este respecto, subliña que se a empresa continúa sen facer investimentos no complexo industrial da Coruña "o futuro desta refinería vai ser moi negro", tendo en conta o proceso de transición enerxética en marcha.
Para a representación da CIG, o camiño de "confrontación e de malestar que nos mostrou Repsol co inicio deste ERTE terá que servirnos de exemplo da catadura moral da que son posuidores aqueles que mandan na nosa empresa". E engaden que "o sufrimento dos compañeiros e compañeiras de Coque e dos departamentos que foron afectados por esta vergoña chamada ERTE non debe caer en saco roto".
Así, instan a aproveitar a experiencia "para continuar na loita e na procura de que Repsol teña en conta a Refinería da Coruña nos seus proxectos de adaptación ao novo marco regulamentario derivado da Lei de Transición enerxética e nos dea a viabilidade necesaria para manter os nosos postos de traballo".