A sanidade privada pontevedresa parará cinco días por un convenio digno
Os empregados/as das clínicas privadas sen convenio propio da provincia de Pontevedra ratificaron en asemblea os pasados 27 e 28 de febreiro a convocatoria de cinco días de folga propostas pola CIG, CCOO e UGT para reclamar un convenio colectivo digno ante unha oferta patronal que consideran “unha burla” ao entender que se atopa moi lonxe das necesidades dos traballadores/as. Os paros, que incluirán concentracións diante de centros sanitarios de Vigo e Pontevedra, terán lugar este mércores 7 e os días 14, 21, 26 e 27 de marzo.
O empresariado do sector oferta para os anos 2014, 2015 e 2016 unha paga non consolidábel dun “ridículo” 0,65% e subas salariais para 2017, 2018 e 2019 do 1,25%, 1,50% e 1,50% respectivamente. As centrais consideran inaceptábel a proposta, ao igual que a actitude da patronal durante a negociación dos servizos mínimos da folga, xa que na xuntanza só participou o presidente do colectivo, “e para iso sen datos dos cadros de persoal das principais empresas do sector”.
Consideran especialmente grave o xeito de proceder da dirección do centro médico HM Vigo 'El Castro', que entregou os servizos mínimos días antes da xuntanza, así como a actitude doutras empresas “que lle preguntaron directamente ao persoal se ían secundar a folga ou non”. Neste senso, entenden que a patronal tivo a oportunide de achegar posturas presentando unha oferta que permitise desconvocar os paros, “pero non o fixo”.
En consecuencia, os empregados/as do sector decidiron ratificar a proposta das centrais e convocar cinco días de folga e mobilizacións. A primeira xornada terá lugar este mércores 7, na que se desenvolverán concentracións diante do hospital Fátima de Vigo (11:00 horas) e do sanatorio Santa María de Pontevedra (18:00 horas).