A residencia de maiores de Castro Ribeiras de Lea leva unha semana sen material para facer as curas
A CIG-Servizos quere denunciar a precarísima situación na que se atopa a atención sanitaria na residencia de Castro Ribeiras de Lea (no Concello de Castro de Rei e de titularidade pública pero coa xestión privatizada) debido á falta de subministración de material por parte do SERGAS.
O centro, no que residen 172 persoas, a maioría delas grandes dependentes, leva unha semana sen material para facer as curas pero até o día 14 o SERGAS non fará envío do novo pedido. Este problema vénse arrastrando dende hai un ano, pero o servizo público de saúde "foi recortando tanto que agora non temos nin gasas para facer as curas das úlceras", salienta a representación da CIG na residencia.
Cómpre explicar que, ao ser un centro de titularidade pública, os pedidos do material sanitario básico (como gasas, parches de curas, sondas ou xiringas para aplicar a medicación das e dos usuarios) fase directamente ao SERGAS, que é a administración responsábel de cubrir as necesidades nesta materia.
Porén, dun tempo a esta parte, o SERGAS comezou a restrinxir o material que se pode solicitar até o punto de que nas follas de pedido a través das que o persoal de enfermería marca que cantidade precisa de cada material, "só dá opción a un pedido de mínimos que non chega para nada". Como exemplo, explican que só poden pedir un máximo de 5 sondas rectais e de aspiración, cando no centro viven máis de 170 persoas.
A representación da CIG xa trasladou as queixas por estas eivas á dirección da residencia (xestionada pola empresa CK Senior) para que interviñera ante a administración galega, pero os problemas, lonxe de solucionarse, estanse agravando. De seguir así, advirten, "os usuarios e usuarias acabarán tendo que ir ao hospital para que lles dean a atención que aquí non podemos ofrecerlle por falta de material tan básico como unha sonda".
A CIG-Servizos de Lugo-A Mariña reclámalle á Consellaría de Política Social (responsábel da residencia) e á Consellaría de Sanidade que deixen de recortar na atención ás persoas maiores e ás persoas dependentes e que garantan unhas condicións dignas e de calidade para as usuarias e usuarios das residencias.