A representación da CIG en Iberdrola continúa coas accións para reverter o deterioro salarial e a perda de postos de traballo
A representación da CIG en Iberdrola continúa coas accións para reverter a enorme perda de poder adquisitivo que sofre o persoal de Iberdrola (que xa acumula un 19% de deterioro salarial) e a perda de postos de traballo en Galiza, nun momento ademais no que a compañía enerxética bate récord de beneficios ano tras ano.
Neste contexto, o delegado da CIG na empresa, Fran Puch, xunto co secretario xeral de ELA en Iberdrola, Gorza López del Corral, reuníronse a pasada semana con representantes do BNG no Congreso e no Parlamento galego para abordar esta problemática e como están indo as negociacións do convenio colectivo de Iberdrola.
Os representantes sindicais expuxeron os datos económicos de Iberdrola, explicaron que a suba salarial exixida tería “unha repercusión ínfima na conta de resultados da multinacional” e criticaron a mala fe coa que está actuando a empresa na negociación do convenio colectivo.
No encontro, acordouse tamén que a formación política estudará a posibilidade de presentar unha iniciativa para que as empresas privadas con beneficios milmillonarios que participen en concursos públicos, opten a concesións para a construción ou explotación de instalacións críticas e que ofrezan un servizo esencial, teñan que asegurar o poder adquisitivo do seu persoal subindo o seu salario como mínimo na mesma porcentaxe que sube o IPC real anualmente para poder optar a eses concursos.
Así mesmo, avaliarán presentar unha iniciativa para que os centros de control telemandado teñan que atoparse, por razóns de seguridade, fisicamente na comunidade autónoma onde están situadas estas presas e centrais e, concretamente, nunha zona próxima as mesmas.
A representación da CIG subliña que “seguirá coas súas mobilizacións para protestar por esta situación de espolio dos nosos recursos naturais, de perda de postos de traballo e de que nin sequera Iberdrola garanta manter o poder adquisitivo dos traballadores e traballadoras, empobrecendo o seu persoal e as zonas onde operan”.