A primeira xornada de folga nas carpinterías da Coruña por un convenio digno rexistra un seguimento superior ao 90%
Os traballadores e as traballadoras de Carpintería e Ebanistería da provincia da Coruña están secundando este mércores a primeira das catro xornadas de folga convocadas en demanda dun convenio colectivo digno que garanta o mantemento do poder adquisitivo dos salarios e mellore as condicións laborais. O convenio, explica a FCM-CIG, afecta a máis de 5.000 traballadores e traballadoras de máis dun cento de empresas de toda a provincia.
A folga rexistra un amplísimo seguimento nas grandes empresas do sector a tal punto que as instalacións de Cociñas Santos en Boqueixón e Cacheiras, de Cerqueiro en Carral e Culleredo ou as plantas de Ramón García en Ordes e Mesía están totalmente paralizadas. A folga tamén supera o 95% de seguimento en empresas como Cándido Hermida de Narón e Valdoviño e Noa Madera Creativa (grupo Malasa) de Fene. En cómputo xeral, a FCM-CIG calcula un paro superior ao 90% nas empresas máis importantes da provincia e, como era de agardar, un seguimento máis irregular naquelas empresas máis pequenas e naquelas con escasa representación sindical.
Dende ás 06:00 horas, os piquetes informativos percorren os polígonos onde están situadas as principais compañías instando os compañeiros e compañeiras a sumarse ao paro, pelexar polos seus dereitos e intensificar a presenza dos piquetes e o seguimento da folga de cara ás xornadas convocadas para os días 13, 27 e 28 de xullo.
Garantir o mantemento do poder adquisitivo dos salarios
A Federación de Construción e Madeira da CIG valora moi positivamente o resultado desta xornada de paro nun sector leva case 40 anos sen facer folga, dando así unha contundente resposta á postura intransixente da patronal que se nega a asumir as principais reivindicacións da parte social, malia estar nun momento "no que teñen máis carga de traballo que nunca e no que hai unha gran demanda de man de obra".
Neste senso, os tres secretarios comarcais da FCM-CIG da Coruña, Ferrol e Compostela, Mario Maceiras, Marcos Sánchez e Eduardo Sebio, salientan que a única liña vermella da parte social é o mantemento do poder adquisitivo dos salarios, algo fundamental nestes momentos tendo en conta que o custe da vida está disparado e o IPC non deixa de medrar. "Pero a patronal segue enrocada na súa oferta dun 3,1% de incremento salarial para 2021, o que suporía que o novo convenio arrancaría xa cun 3,4 de perda do poder adquisitivo do persoal".
A isto hai que a patronal pon topes a todos os incrementos futuros até o 2025 nun 5%, ao rexeitar as cláusulas de revisión salarial anuais referenciadas no IPC real e con atrasos, condenando así o persoal a un empobrecemento progresivo.
Plus de quendas como xa hai noutros convenios
Pero o empresariado tampouco quere aceptar a creación dun plus de quendas na industria da carpintería, ao igual que xa existe noutros convenios sectoriais como o de Pontevedra; nin regular as condicións para o persoal desprazado a obras fóra de Galiza. Pois non hai que perder de vista que moitas das grandes carpinterías da provincia se dedican a montar as tendas de Inditex e doutras marcas fóra do país, sen que estes desprazamentos sexan compensados adecuadamente.
Os representantes da CIG denuncian que a negativa patronal a asumir esta táboa reivindicativa non ten xustificación de ningún tipo porque a carga de traballo é tal que as compañías non dan atendido os pedidos. A este respecto, lembran que este non é un sector en crise, senón que resistiu moi ben o impacto da pandemia e agora ten máis traballo ca nunca.
Mobilizarse para lograr un convenio digno
"Estamos reclamando que se sube o IPC os salarios tamén o fagan na mesma medida para poder afrontar o incremento do custe da vida. Pero as patronais o que están demostrando coa súa postura é que son moi avarentas, pois ofrecen unha miseria de suba e do resto da plataforma sindical non queren nin entrar a falar", apuntan.
Ante a falta de movementos da patronal, a CIG insta a todos os traballadores e traballadoras do sector a dar unha resposta contundente e participar tanto nas restantes xornadas de folga e como nas mobilizacións que se convoquen, para así lograr un convenio digno e con dereitos.