A práctica totalidade do persoal de Linorsa en Lugo secunda a folga indefinida en demanda do cobro de salarios
O auto do xulgado do mercantil 3 de Pontevedra aceptando a entrada da empresa en concurso voluntario, supón tamén a retirada á actual equipa directiva da xestión da compañía, que pasa a estar a cargo da administración concursal. Carme Antas, da CIG-Servizos de Lugo-A Mariña, valoraba a nova situación da empresa, no sentido de que abre a posibilidade de cobrar os salarios pendentes, xa que administración concursal ten que certificar as débedas de Linorsa co seu persoal, de xeito que estes poidan solicitar o cobro do FOGASA.
Ademais, apuntou, é obriga da administración concursal abonar os últimos 30 días dende a declaración do concurso (o período comprendido entre o 19 de marzo e o 19 de abril).
Solicitude de reunión a tres bandas
A primeira hora da mañá, antes de coñecer o auto do mercantil, a representación social remitía un escrito a Linorsa pedindo unha reunión urxente a tres bandas: empresa, Xunta de Galiza e Comité de Folga. Porén, apuntaba Carme Antas, esa reunión agora terá que ser “non coa empresa, senón coa administración concursal”.
Así mesmo, o Comité mantivo hoxe unha xuntanza con responsábeis da Xunta en Lugo para solicitar que axilicen ao máximo posíbel o mencionado encontro. Dende a administración galega, sinala Antas, comprometéronse a realizar xestións coa finalidade de concertar a reunión o vindeiro luns.
A sindicalista engadía que o obxectivo desta reunión é, primeiramente, solicitar á administración concursal que emita os certificados de débedas cantes antes para que o persoal poida cobrar os seus salarios. Así mesmo, demandar que a Xunta, na medida en que se están sacando os contratos a licitación, avalíe as posíbeis empresas adxudicatarias e, pola súa banda, que a administración concursal se comprometa a facer a renuncia dos contratos sen dilación.
A folga indefinida continúa
Porén as últimas novas, a convocatoria da folga continúa adiante. Neste primeiro día de paro, o seguimento nos servizos prestados ás administracións públicas (como a Dirección Provincial do Sergas ou a Residencia das Gándaras) está sendo do 100%. No CAM de Sarria, as traballadoras incorporaranse ao seu postos o vindeiro luns, xa que o servizo foi adxudicado a outra empresa.
As traballadoras e traballadores tamén desenvolveron unha concentración ás portas dos edificios da Xunta en Lugo ao berro de “se non cobramos, tampouco limpamos”.
Reiterados incumprimentos por parte da empresa
Hai que lembrar que a convocatoria de folga chega logo dos reiterados incumprimentos por parte da empresa no pago dos salarios e tras das múltiples mobilizacións realizadas polo persoal dende hai máis de ano e medio por este motivo. Nestes momentos, a compañía adebeda o 50% do salario de decembro, as nóminas de febreiro e marzo e ten pendente de ingresar a paga extraordinaria de nadal ao persoal que non a ten prorrateada.
Unha situación que non só padecen as empregadas/os de Linorsa na provincia de Lugo (arredor de cen persoas), senón que se dá na maioría dos servizos de limpeza que a empresa ten en Galiza. Estes incumprimentos levaron á rescisión dalgúns servizos que Linorsa tiña adxudicados para a limpeza de edificios de distintas administracións públicas, como foi o caso do contrato nos xulgados.
Neste senso, resulta cando menos sorprendente que as administracións manteñan vixentes os contratos cunha empresa que sistematicamente incumpre as súas obrigas co persoal, tanto no pagos dos salarios, como a respecto doutras cuestións laborais.